Pilar
García Negro

SOCIA DE HONRA DA AELG. Letra E 2017 - Lugo

María Pilar García Negro nace en Lugo, o 9 de Outubro de 1953. Estudos de ensino primário e secundário nesta cidade.

Aos 16 anos, ingresa na Universidade de Santiago de Compostela, para cursar Filosofia e Letras, sección Filoloxia Románica, subsección Hispánicas. Licenciatura en 1975. Cursa, por libre, Filoloxia Galego-Portuguesa, unha vez implantada esta titulación na Universidade Galega. Gradua-se en 1980 nesta especialidade.

Entre Outubro de 1975 e Febreiro de 1976, imparte docéncia de língua francesa, no Seminário Diocesano de Lugo, usando como veicular a língua galega.

Entre 1976 e 1985 é profesora agregada de Língua e Literatura Española, no Instituto de Ensino Médio "Eusébio da Guarda", da Coruña, e, na mesma cidade, no Instituto "A Sardiñeira", de 1985 a Xaneiro de 1990. Docéncia realizada igualmente en galego como língua veicular, o que lle valeu a apertura dun expediente, no curso 1983-1984, uns meses despois de ser promulgada a Lei de Normalización Lingüística. Catedrática, en 1992, por concurso, de Ensino Médio.

En Abril de 1983, defende, na Universidade de Santiago de Compostela, a Tese de Licenciatura, dirixida polo Dr. Dobarro Paz, sobre a edición crítica da poesia galega completa de Valentin Lamas Carvajal, cualificada con Sobresaliente.

En Xaneiro de 1991, defende, tamén na USC, a Tese de Doutoramento, que foi a primeira realizada sobre língua galega e lexislación iuslingüística, baixo o título "Língua galega e lexislación (1975-1986)", que mereceu a máxima cualificación, Apto cum laude.

No curso 1991, ingresa na Universidade da Coruña como Profesora Titular Interina, convertendo-se en Profesora Titular, mediante oposición, en Xuño de 1993. Desde esta data pertence ao Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística desta Universidade. A sección "O idioma", no semanário A Nosa Terra, de que se ocupou entre Marzo de 1978 e Agosto de 1979, foi a primeira do seu xénero (divulgación de bons usos na prática oral e escrita da língua) publicada en meios de comunicación galegos. No curso 1979-1980, en colaboración con Xosé Mª Dobarro, publica, no mesmo semanário, a sección "Leccións de Literatura e de Língua". Alén de neste semanário, ten colaborado noutras publicacións periódicas galegas, portuguesas, catalás, bascas, españolas.

Principais libros publicados:

-[19841, 19902] 33 aproximacións á literatura e á língua galega (1984, 1990), en colaboración con Xosé Mª Dobarro.

-[1991] O galego e as leis. Aproximación sociolingüística

-[19931, 19992] Sempre en galego

-[1995] O ensino da língua: Por un cámbio de rumo, en colaboración con Xoán Costa Casas.

-[1998] Poesia galega de Valentin Lamas Carvajal

-[2000] Direitos lingüísticos e control político

-[2001] Arredor de Castelao

-[2012] Outramente

-[2013] Cantares gallegos, hoxe. Para unha lectura actualizada de Rosalía de Castro

-[2015] No tempo de "Follas Novas". Unha viaxe pola literatura universal

-[2017] Himno Galego: unha historia parlamentar (inconclusa)

Ten intervido en numerosos simpósios e congresos nacionais e internacionais sobre sociolingüística, línguas europeas non normalizadas, literatura galega e feminismo, e publicado edicións e estudos sobre Rosalia de Castro, Lamas, Pardo Bazán, Castelao, Xesús San Luís Romero, Ramón Vilar Ponte, Eduardo Blanco Amor, Ricardo Carvalho Calero, Jenaro Marinhas del Valle, Manuel Maria, María Xosé Queizán, Lois Diéguez, Marica Campo ou Pilar Pallarés.

Presidenta da Agrupación Cultural da Corña "Alexandre Bóveda" entre 1983 e 1988. Colaboradora da Federación de Asociacións Culturais Galegas, da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, da Asociación de Escritores en Língua Galega, da Mesa pola Normalización Lingüística e doutras institucións culturais e pedagóxicas. Cofundadora do Comité español do Bureau Européen pour les langues moins répandues e delegada do mesmo, na Galiza, de 1985 a 1990.

Membro do Consello de redacción de Altres nacions, da Revista de Filoloxía da Universidade da Coruña e da revista Terra e Tempo.

Membro da equipa de redacción da "Declaración Universal de Direitos Lingüísticos" (Barcelona, 1996) e do Comité científico desta.

Militante do movimento nacionalista desde 1975-1976. Deputada, polo Bloque Nacionalista Galego, no Parlamento Galego, de 1989 a 2003. Ensino, cultura, políticas para as mulleres, política lingüística... teñen sido as matérias de atención preferente. Á sua iniciativa debe-se a constitución, na Cámara galega, da "Comisión para a igualdade e para os direitos das mulleres", en funcionamento desde 1994.

[Maio, 2017]