Montse
Fajardo

Montse Fajardo Pérez (Vilagarcía, 1973) é licenciada en Ciencias Políticas e da Administración e ten un máster en Dereito das Administracións e Institucións Públicas, pero a súa traxectoria profesional sempre estivo vinculada ao xornalismo.

Traballou en O Salnés Siradella, Radio Ames, Diario de Arousa e Faro de Vigo e é colaboradora habitual de faladoiros radiofónicos.

Na actualidade forma parte do equipo redactor do programa A memoria das mulleres, promovido pola Concellería de Patrimonio Histórico do Concello de Pontevedra. No seu marco participou no libro Do gris ao violeta. Achega á historia das mulleres pontevedresas cun texto, “As que quedaron”, no que analiza a repercusión da represión sobre as familias afectadas. Nesa liña imparte por centros educativos e asociacións culturais galegas a charla A represión sobre as mulleres tras o golpe de Estado do 36.

Como autora en solitario escribiu Matriarcas, mulleres en pé de vida, protagonizado por mulleres da posguerra galega e que tivo unha grande acollida, esgotándose nuns meses as tres edicións; e Un cesto de mazás, memoria das vítimas do 36 e do tempo que veu, que recolle dezaseis historias de familias que sufriron a represión tras o golpe de Estado fascista contadas polas persoas que a sufriron ou por xente moi próxima a elas. Presentado en setembro de 2015, xa está a venda a segunda edición.

[Marzo, 2017]