Martiño
Maseda Lozano

Chámome Martiño Maseda Lozano. Nacín aló polo solpor do ano 1970 na parroquia de Xoibán (Vilalba), pequeno recuncho perdido na inmensidade da Terra Cha.

Tras estudar EXB nunha escola unitaria mixta da miña parroquia, estudei BUP e COU no Instituto Lucus Augusti da capital lucense. Posteriormente, realicei o primeiro ciclo da Licenciatura de Filoloxía Hispánica no Colexio Universitario de Lugo, para completar o segundo ciclo na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, na cal me licenciei en febreiro de 1994. A pesar diso, co paso inexorable do tempo advertín que non tiña a suficiente vocación para exercer a docencia e que a tarefa da investigación filolóxica resultábame naquel momento demasiado ardua.

O meu era mergullarme no salvaxe océano da fantasía literaria, cando sentía tal inclinación ou cando as ninfas da inspiración decidían facerme compaña. E, aínda que de neno xa chegara a relatar pequenos sucesos que non transcenderon máis aló dunha infantil inquedanza, a miña andaina literaria naceu no berce dos certames literarios, a mediados dos anos 90, tendo que compaxinar tal afección primeiramente con algún que outro traballo esporádico (distribución de prensa diaria, clases particulares...) e despois co proceso da Prestación Social no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, dirixido por D. José María Ramil Soneira. Este período serviume para desenvolver tarefas de catalogación de anacos da nosa historia evolutiva como pobo ou de apoio na conservación e difusión do patrimonio histórico.

Finalizada a devandita etapa de labor social e cando me atopaba inmerso na realización de cursos de formación ocupacional, chegou o meu primeiro agasallo literario, 2º Premio no Certame Xuventude-98 de Narración (1998), organizado pola Xunta de Galicia. De seguido, resultei gañador no Concurso Ourense de Contos para a mocidade (1999) e tamén no Premio de Poesía, O Poeta Azul de Ferrol (2000), seguindo no ano 2001 co 3º Premio no Certame Ágora Conto. Despois dun ano de sombras, volveu acenderse o fulgor das letras no ano 2003 cunha mención no IV Certame Ágora Conto e co 1º Premio de Poesía Pedro Alonso Morgado de Huelva.

Entre traballos dispares, como axudante dunha industria cárnica ou operario nunha do sector lácteo chegou ó ano 2004, no que a miña vida sufriu unha fractura, pois un accidente de circulación estivo a piques de custarme a vida.

Transcorrido un longo período de recuperación, fun premiado no Certame Literario de Vilalba (2005). Circunstancias familiares levárono dun lado a outro nestes dous últimos anos, sen poder centrarme na creación doutro texto literario concreto, aínda que aproveitei para exercer de colaborador no xornal El Progreso, primeiro na sección Tribuna Chairega e despois no suplemento semanal A Chaira, no que sigo amosando fragmentos da miña inconformista personalidade.

Os premios literarios volveron a agasallarme coa súa presenza en datas posteriores. Así no 2007 recibín o 2º Premio XXXII Certame Nacional de Poesía sobre o Nadal de Begonte. Aos que lle sucederon o 2º Premio Certame Ánxel Fole de Narración Curta no 2009 do Concello de Lugo. No 2010 recibindo o 2º Premio Certame Literario de Vilalba. Repitindo no ano seguinte coa consecución do 2º Premio Certame Ánxel Fole de Narración Curta e novamente co 2º Premio Literario de Vilalba.

PUBLICACIÓNS:

No eido da publicación salientar que xa viu a luz o poemario Nos labirintos da alma na Editorial Espiral Maior, obra que acadou o segundo premio no Certame Literario de Vilalba no ano 2010. Ademais de ter en edición conxunta teño publicado o relato "Na endeble esencia" que obtivo o segundo premio na XI Certame de Narración Curta Ánxel Fole. E o relato "Todo por unha teima", gañador no Premio Ourense de Contos para a Mocidade de 1999. E outros relatos e poemas en revistas e publicacións diversas. Estou á espera de que se publique o poemario Entre as paredes do silencio, que acadou o 2º Premio no Certame Literario de Vilalba na súa edición do 2011. Así como o relato "O pensamento inerte", gañador este mesmo ano do 2º Premio no Certame de Narración Curta Ánxel Fole.

Para finalizar, debo engadir que o meu é un xeito de escribir particular, espido de complexidades na forma e no contido, coa a fundamental intención de emocionar e conmocionar ao que lle apeteza converterse en receptor dos meus textos. Unha literatura das sensacións máis ca dos conceptos.

[Xaneiro, 2012]