Henrique
Alvarellos

HENRIQUE ALVARELLOS CASAS

Lugo, 1968

Como se foran os tres pés dunha mesma banqueta, un pousa o seu ánimo diario sobre o xornalismo, a literatura e a edición e sostense profesionamente grazas a esta fecunda simbiose. Nacín en Lugo co rebumbio dun San Froilán e as brumas do mes outubro. Comecei colaborando co diario El Progreso a mediados dos oitenta, facendo artigos de crítica músical e ao mesmo tempo sendo responsable de prensa do clube de Atletismo no que militaba, o Lucus-Decathlon. Licencieime logo en Filoloxía Hispánica (Santiago, 1991) e fixen posteriormente o Máster en Medios de Comunicación da Universidade da Coruña/La Voz de Galicia (na súa primeira edición de 1993). Tras esta primeira etapa de formación xornalística percorrín Galicia durante os anos noventa ben como redactor, ou fotógrafo, ou guionista ou traballador de gabinetes de prensa: Lugo, A Coruña, Santiago e Vigo foron as catro prazas. Toquei, no xornalismo, case todos os paos: fotógrafo e redactor en La Voz de Galicia, cronista de Sociedade en El Progreso, guionista de documentais para El Progreso TV, redactor do Telexornal comarcal da TVG na súa delegación de Lugo, correspondente para Galicia da revista Cambio 16, fundador e director da revista Beiramiño de Lugo, responsable de Prensa da consellería de Obras Públicas, asesor de Comunicación do Xacobeo, de Turgalicia, redactor xefe do Atlántico Diario de Vigo, columnista para a Axencia Galega de Noticias...

Publiquei o meu primeiro libro en 1997, editado polo Consorcio de Santiago: Territorio auroral. 36 memorias vivas de Compostela. Tardei sete anos en publicar o segundo, mergullado nas absorbentes lides xornalísticas. No 2004 saíron dous: Teoría de Lugo (A Nosa Terra) -un poema en prosa cos espazos amenos da miña cidade natal- e Galicia en cen prodixios (Xerais) -"guía" insólita, e non tanto, do noso país-. En 2006 publiquei Descubrir Lugo (Edición do Cumio), una proposta de fin de semana na cidade amurallada, editada en tres idiomas. E no 2007 verá a luz o meu quinto libro: Diario íntimo dun pai recén nacido.

E sobre o terceiro pé desta banqueta, o mundo editorial, somerxinme de cheo tralo pasamento de meu pai, en xuño de 2004. Dende ese intre son o editor e director da empresa familiar fundada por el en 1977, Alvarellos Editora (http://www.alvarellos.info) . Unha empresa cultural especializada en rescatar aos clásicos da nosa cultura e tamén en dar luz a calquera outro libro que consideremos de interese para a nosa xente.

En 2007, o mundo da edición ocupa a maior parte da miña xornada e dos meus desvelos. Mais un segue a ser esencialmente un xornalista, e tamén un escritor. Éme imposible renunciar a nada, non hai por que.