Gonzalo
Hermo

Nacido en 1987, en Taragoña (Rianxo), Gonzalo Hermo morou en diferentes puntos da costa de Galicia. Licenciado en Filoloxía Galega pola USC en 2010, actualmente traballa no Instituto da Lingua Galega. Os seus primeiros textos viron a luz en revistas como Dorna e Andar2l. En 2008 publicou unha colectánea de poemas, "Escola do resentimento", na Revista das Letras do xornal Galicia Hoxe. Desde entón, participou en diversos recitais e mesas redondas, entre eles os organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega ou a Asociación Internacional de Amigos de la Universidad Libre Iberoamericana en Galicia. Colaborou, desde o ámbito literario, co deseñador Gonzalo Vázquez no proxecto XXL Bohemia e na elaboración do catálogo de vestiario GV. En 2010 gañou o primeiro premio na modalidade de poesía do certame Xuventude Crea, convocado pola Xunta de Galicia, co poemario Crac, que en 2011 edita Barbantesa. Poemas da súa autoría foron traducidos ao español en diversas antoloxías, entre elas Como cantan las piedras: Muestra de poesía gallega contemporánea, coordinada por Mónica Caldeiro. No ámbito da crítica literaria, ten colaborado con publicacións tales como Dorna e Protexta. É membro das Redes Escarlata.

[Febreiro, 2013]