Armando
Requeixo

Armando Requeixo (Mondoñedo, 1971) é crítico literario. Exerceu como profesor de Lingua e Literatura Galega no Ensino Medio e na Universidade de Santiago. Na actualidade é investigador no Centro Ramón Piñeiro.

Doutor en Filoloxía Galega, é autor de monografías, edicións e estudos introdutorios a obras de Ánxel Fole, Xosé María Díaz Castro, Luís Seoane, Xosé Díaz Jácome, Celso Emilio Ferreiro, Álvaro de las Casas, Victoriano Taibo, Manuel Leiras Pulpeiro ou Arcadio López-Casanova, entre outros, téndose tamén co-responsabilizado da edición e estudo da antoloxía de conto galego actual Materia prima. Relatos contemporáneos (2002), amais de editar en catro volumes a escolma bilingüe galego-castelá Antoloxía de narrativa galega (2007).

Ensaísta e tradutor, é membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Española de Críticos Literarios e o Centro PEN Galicia, e recibiu varias distincións polo seu labor como crítico, investigador e tradutor literario, entre elas o Premio Xerais á Cooperación Editorial 2004 e o Premio Ánxel Fole 2010.

Como crítico literario, actualmente, e dende hai anos, exerce como comentarista habitual na revista Tempos Novos e o seu suplemento de libros ProTexta e as súas recensións aparecen publicadas nos xornais do Grupo Editorial Prensa Ibérica ( Faro de Vigo, La Opinión), do Grupo La Capital ( El Ideal Gallego, Diario de Ferrol, Diario de Arousa, Diario de Bergantiños) e os dixitais Galicia Confidencial e Praza Pública. Mantén tamén un espazo sobre novidades editoriais en Ames Radio e comenta obras para a revista Criaturas.

Unha parte representativa dese seu labor como comentarista do libro galego nos medios foi recollida no volume Criticalia (decembro do 2011). Co mesmo nome, mantén dende febreiro do 2011 un blog de comentario e análise literarios ( armandorequeixo.blogaliza.org).

[Xaneiro, 2015]