Ánxeles
Penas

Ánxeles Penas naceu en Teixeiro (A Coruña). É licenciada en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago e en Belas Artes pola Facultade de San Fernando en Madrid; ademais, fixo estudios de música no Conservatorio da Coruña e de Maxisterio.

No ámbito plástico ten a dobre faceta de escultora e pintora e leva feitas máis de cincuenta exposicións.

Ten no seu haber nove premios literarios, entre eles o Premio Abrente de Teatro de Ribadavia (1974), o primeiro Premio Nacional Jorge Manrique (1971), o primeiro Premio das Festas Minervais da Universidade de Santiago (1970), o primeiro Premio Festa da Cantiga da Coruña (1971) e o primeiro Premio Cidade da Coruña (1981).

É membro de AULIGA (Universidade Libre Iberoamericana en Galicia) e pertence ao Consello asesor da revista Serta, da UNED. Colabora asiduamente con revistas literarias como Zurgai, Serta, Festa da palabra silenciada, Clave Orión, Historia y vida e outras. Na revista de Internet, Eon Magazine ten unha colaboración fixa, co tema "Arte y sacralidad" e é crítica de arte de El Ideal Gallego da Coruña. Ademais tivo durante varios anos unha sección fixa en La Voz de Galicia, sobre temas de cultura na nosa terra, co título de "Faíscas". Ten feito numerosos ensaios acerca de arte e literatura de Galicia, sobre Cunqueiro, Celso Emilio, Rosalía de Castro, Xohana Torres, Labra, Grandío e Laxeiro, entre outros.

A súa obra publicada inclúe os titulos Con los pies en la frontera (1976), Ya soy para tu muerte (1980), Galicia, fondo val (1982), O santuario intocable (1992), Fondo en malva, no colectivo dedicado a Miguel González Garcés, feito pola Deputación coruñesa.

Presentou comunicacións para varios congresos literarios: "Humorismo e humanismo na obra de Castelao", para o congreso realizado na Universidade de Santiago de Compostela pola Fundación Castelao; "A poesía feminina en Galicia" para a fundación Santa Teresa de Ávila; "O poder da imaxe visual na plástica e na literatura de Galicia" e "Un século de literatura en lingua galega" para dous congresos organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega; "A poesía de Antón Avilés de Taramancos" e "A poesía de Eusebio Lorenzo Baleirón" , para o primeiro Congreso Internacional de Traducción de Rianxo, organizado por AULIGA. Tamén para AULIGA traduciu Os cantos caucanos, de Avilés de Taramancos e unha Antoloxía poética, de Eusebio Lourenzo Baleirón, recentemente publicados por Espiral Maior.

A súa obra poética está presente tamén en varias antoloxías e revistas literarias: Palabra de muller, Poetisas galegas do século XX, Nordés, Grial, Atenea, etc.

[Novembro, 2002]