Alejandro
Tobar

Chámome Alejandro Tobar. Nacín en xullo de 1983 na cidade de Lugo. Marchei, maior de idade, estudar a Madrid. Despois de cinco anos e pico volvín facer as maletas, desta vez cara a Francia, e aló estiven a velas vir algo máis de ano e medio en Marsella, gozando da vida. Ao cabo, tiven a sorte de recalar en Copenhaguen, onde moro de moi boa gana.

No literario, son tan lector coma escritor. Non obstante, lin moito máis do que publiquei, pois até o de agora, tirantes unhas columniñas nalgúns xornais e revistas, soamente asinei unha novela que leva por título Cremalleiras. Ler, leo de todo, e admiro o facer dos latinoamericanos máis prolixos, amais da narrativa oteriana -toda ela-, pois Otero Pedrayo, na escrita, coma noutros campos é, sen discusión, unha figura de peso.

[Xullo, 2009]