Centro de Documentación da AELG
Poesía inédita - Rosa en Iria
Vázquez Pintor, Xosé

ROSA  EN  IRIA  *

Como nos vai na urdime das palabras
por tanto aniversario que trasnoita
e anda en soño sentido nas esperas?

E véxote sempre vir de algar canda os fulgores
do solsticio, noite en luz que nos amence e somos
posuídos pola maxia das fontes e dos mares:

versos brancos cabalados no alto coma pedras
informes onde asubía o vento dos refachos
que despois vai no auxilio de alguén que chama ao lonxe

e grita: ven axiña, non pouses, sube ao colo
da Terra e cadra aquí con nós un tempo
de silencio encantenón acorda outra mornura

e antes foxe o desamor, o esquenzo, a tolería
de non ser senon aquela sombra que acompaña:
ROSALÍA NA DANZA DA RISA E DA INTEMPERIE

NUNCA ALTARES

 


Xosé Vázquez Pintor
Cangas, marzo 2007

* Nas 170 badaladas e candeas do nacemento de Rosalía.