EPÍSTOLA A BALBINO
Hai un tempo grande de anos que non sei de ti
e soño manolitos que non lembran a casa
onde naceran sempre cadrando coas palabras:
non saben, non queren, non preguntan das orixes
e medran a trasmau das angueiras do progreso.
Levan calzas de pelele e van consigo tristes
porque arredan do teu canto nesa voz da Terra
que non aman: veiga, luar, mencer e sapoconcho;
primavera, cerdeira, seara e vagalume.
Velaí que escribo neste inverno da beiramar
co teu nome de val e alba en faltas ortográficas
para que outro tempo os chame e neles acredite
a senrazón do odio, a tal mentira en “como tú”:
a deserción da vida que cadra en desamor
á aldea e aquela luz da estirpe identitaria
que ti es na mornura do sorriso, cando calas.
Xosé Vázquez Pintor
Cangas, 27 xaneiro 2008
(Para a homenaxe a Xosé Neira Vilas, de noso e tanto acó)