Centro de Documentación da AELG
Poesía inédita - Cando as vosas maus....
Vázquez Pintor, Xosé

-Para as miñas amigas e amigos do CEIP do Foxo, en Rubín, A Estrada, polo seu cariño, pola súa palabra..e tanta infancia.

 

Cando as vosas maus camiñen pola ausencia desta data 
e outra volta sexa abril unha e mil veces para a Lingua 
do Foxo e de Galicia,
saberei escoitar no silencio este vó intermitente 
do vento e dos paxaros.
Cabo de lonxe, aló onde me atopedes 
na risa por vos ter ao meu carón do soño e a paisaxe 
que nos medra en anos de ventura, quérovos comigo, 
agora e tamén sempre 
na espiral do canto que me acorda en madrugueiro
a vos falar  das cousas que inventamos:
a danza da buxaina,
o niño do carrizo,
a última formiga da viaxe pola trabe do cuarto,
os ollos da coruxa,
o paso do golpe en agro de voda,
o air bus daquela abella,
a música dun sapo,
as flores da mimosa,
o sol e o pau de buxo,
a noite cando escampa...
 

                                

Xosé Vázquez Pintor
Quian, 17/04/008