Centro de Documentación da AELG
Poesía inédita - Aquí nas estivadas...
Vázquez Pintor, Xosé

Aquí nas estivadas aínda hai aquela Voz
deste tempo inmemorial que nos acorda. E somos
abertos coma soles na andadura de agosto,
reloucando os vosos rostros de nacencia e Luz:
gabieiros insomnes e de achego coas apertas
de buxo nas xeiras do fulgor, para que as leve
esa marabilla de ronsel que nos deixastes
na crina e no perfil
dun cabalo carteiro de tarde amorosiña
para máis gallope a prol do vento que se arreda
cabo do mar das furnas e dos medos, nembrando
as outonías en cada ollar, en cada pálpebra,
para que as leve a Voz, para que as leve
á Casa da Memoria, cando en alba.

 

Agolada, 17 de agosto 2006 (E Alexandre Bóveda, e Manuel Ferreiro e Camilo Díaz, e Sixto e tantas/os....nas cunetas e mares e valados... Nunca máis terror)

Inédito.