(Para Emilio Araúxo, por esa foto do Entroido)
Ouh quen vai en ti nesta desora do silencio
no Val de Maceda resistindo a nosa Historia
é a palabra entregue, a donación das tantas horas
de paisaxe e o canto da Serra cando oulan días
de estivada para o riso e todo muda, vai
costureirando o corpo
da montaña milenaria un alfaiate alén
dos nosos días coas alfergas do paraíso
a seres corpo de cerva en brazo de ollos pretos
rechamando á danza na fontenla e novos bicos:
Ouh Fela que asistes nesa mau o poderío
das alturas e sobes paseniño o megalítico
das formas no autobús, outrora carro e bestiario,
a consentires o rebulicio e o trasplante
en novo ser de onte que recrea as permanencias.
Vai o Felo en ti, amada miña dos solpores
de mar e monte, nos meus andares que non cesan
polos tantos anos outrosí a te saber
silente cando pasas.
Cangas do Morrazo, 8 de abril do 2008