Nos Ancares xa non queda
-por máis que me pese-
semente de folerpas.
Nos Ancares unha néboa mesta
agocha os lugares agochados,
enfariñados de ausencias.
Pariu o orballo na friaxe
pingas acedas que son pranto
de estériles primaveras.
O pranto do desespero
O pranto da soidade
O pranto da desfeita.
Fuxiu a pita do monte,
fuxiu a corza branca da esperanza
dos seus prados a silveiras
No Cuíña, no Tres Bispos, no Mustallar
esmorecen de tristura
os capudres e as acivreiras.
O pranto do cuco
O pranto do xílgaro
O pranto da laverca
En Curuxedo, no Pando, en Penedo,
nos seus camiños desertos,
inzan bravas as bidueiras.
O pranto da vaca
O pranto do xato
O pranto da ovella
Detrás, outros coma eles,
morrerán cos seus mortos
e pecharán as cancelas.
Nas casas baleiras de pedra ferreal,
por loitar co silencio,
estalan as queixas das madeiras.
E choran as fontes
E choran os regueiros
E choran as fervenzas
Consumarase a derrota?
Aceptaremos mansos, resignados?
Acataremos a sentencia?
U-las as raíces?
U-la a memoria?
U-la a esencia?
E choran as ablairas
E choran as xestas
E choran as cerdeiras
Quero sementar a esperanza
Quero crer no milagre
Quero poder coa impotencia
Berro un SOS polos Ancares,
lobo ferido polas poutas do PROGRESO
que trouxo a decadencia.
E choran os lousados
E choran as paredes
E choran as xanelas
O pesimismo que me abrangue
non medra en min porque si,
é froito da evidencia...
Nos Ancares xa non queda
-por máis que me pese-
semente de folerpas.
(De Xistral, Revista de Creación Poética Lucense nº 9)