Velaí outra volta do rodicio.
Xa chegou.
Outra noite máis de convidada
no banquete do inferno.
Un banquete de aldraxes
e desprezos.
E, coma sempre, o alcohol
-ese veleno que amansa as feras,
ou volve heroes aos pailáns-
é manancial de tolemia.
Xa renxe tatexa a chave na pechadura.
Érguete, fuxe.
Colle os nenos nun brazado
e tírao polas escaleiras abaixo na fuxida.
E non mires atrás. Fuxe.
Trémenme as pernas.
Os nenos dormen.
Anxos do inferno.
Deste inferno no que entrei
da man do noso Señor.
Ai, o noso Señor, Señor!
A cadencia deses pasos seina
de memoria.
Cállame o sangue nas veas.
Empeza a desigual guerra.
Outra vez as súas mans de seixo
fronte ás miñas mans de boneca.
De boneca que posúe un reino
de sombras agochadas
e tristeza.
Os nenos durmían
mentres el me aldrazxaba.
Mentres me acusaba.
Mentres me zoupaba.
Mentres eu soportaba
o fedor dos seus bafos de alcol
e o noxo das súas baballas
esvarando polas miñas tetas.
Mentres posuía as miñas carnes murchas
de boneca de trapo.
E chamoume puta,
fillo de puta!
E unhas forzas efémeras
de femia fozada
subíronme polas pernas.
E o meu peito volveuse cerna.
E as miñas mans
-noutrora de boneca-
consumaron a desfeita.
Os nenos espertaron co seu berro
de porco acoitelado.
E todo o viño que traía
escorreu das súas veas,
agora a cachón,
agora en fervenza intermitente
despenándose no chan de plaqueta.
Quérote,
dicíame sempre,
mentres choraba covarde,
despois de cada malleira.
( Xistral, Revista de Creación Poética Lucense nº 10)