A CALOR DA ROUPA
A calor da roupa que esvara entre os dedos,
remanso do corpo que atravesa o aire
e se pousa noutro estadio do tempo,
imaxe intacta da noite anterior,
recordo fresco do teu corpo.
Ateigaches o leito do teu pouso,
pouso quente de amor.
Toquei a roupa coa miña cara
e o sol da mañá pechou os ollos.
Ti estabas de novo ó meu lado,
abrazado e rendido ó meu ventre.
A calor da roupa pola mañá cedo
é o zume da noite anterior,
saraiba de soños que soñamos xuntos.