EMIGRANTES
Na grisalla húmida dun setembro.
á volta da escola,
os bisavós calados, na cociña;
ninguén explicara aquela intromisión,
aquelas roupas enriba da cama,
aquela tristura dos seus ollos,
nos meus, a desconfianza.
Ó meu bisavó gustábanlle as laranxas
e xiringábame zume ó partilas.
Ó pasear cantaruxaba sen abrir a boca,
marcando o ritmo coas mans,
e arrastrando os pés.
Meu bisavó era músico
e emigrara dúas veces:
a primeira vez, de mozo,
chegou a América;
a segunda vez, de vello,
á nosa casa.