Centro de Documentación da AELG
Fíos - O coi
Varela Puñal, Diana

O COI

Meu avó trenzaba a primavera
cuns cois de corda branca
que penduraba de lado a lado
da azotea.
Se iamos xantar á praia
ou á festa do Faro en setembro,
anoábaos a dúas árbores
pola maña moi cedo,
para gardar o sitio.
Os cois anunciaban
ir correndo á Ribeira
buscarlle a cesta verde
de xurelos, fanecas,
señoritas, rubias laranxas
e algún que outro rei.
As mans lixeiras de miña avoa
brillaban na auga salsa
entre aquelas cores,
bulindo inquedas as escamas
como estrelas polo chan,
agochándoselle entre o pelo.
O coro facíano as gaivotas
co seu balbordo xarelo,
agardando algún peixiño esquecido.
A min sempre me encargaban
a misión de arredalas.
¡Que fermosas as mulleres
limpando o peixe!
Nesas labouras non falan,
cantan.
Eu mirábaos sentada no coi
e de cando en cando,
se levaba moito tempo calada,
viña meu avó a arrolarme.