Centro de Documentación da AELG
Fíos - Grois
Varela Puñal, Diana

GROIS

¿Como se descubriría o sitio fondísimo
no que tiña agochado aquel recordo?
Vinte anos despois,
voltoume á boca o gosto dos grois con azucre.
A tarde apañándoos na Fonte da Agra,
o grande disgusto ó perder as tesoiras
e a risa sonora do ano seguinte
ó volver a atopalas, enferruxadas.
¡Cómo se delongaba a Atalaia
deténdome en todas as silvas!;
se me espiñaba, comía un.
Esquecida a hora de ir para a casa,
abría a orquestra a primeira ventá
e entraba a segunda e a terceira.
Ó final, de par en par todas as ventás abertas,
chamando as nais polos fillos
nunha coral acompasada de nomes,
coa percusión axitada das nosas carreiras pola costa.
¡Avalancha de moraaas!;
logo, toda a cociña morada.
Aletexa intacta a bolboreta no peito
do galopar nervoso para a casa,
cos grois brincando nas saquiñas.
O eco reclamante das voces das nais,
na caída da tarde.