MULLER
A miña nai
Por ti son hoxe peitoril de madeira,
pola luz que entraba na sala
cando me ensinabas as palabras
coas mans limpas de nai.
Estaban en min encarnados os nomes
que ti me facías repetir cantando,
atesourando en nós as campás de xullo
que agora imploro e non sempre escoito.
Na penumbra de todas as aldraxes,
conservo a resistencia calada
daquela túa voz que agora teño.
Non imaxinas a forza do legado
cando é unha muller libre a que fala.
Camiño pola casa como ti camiñas
coa roupa lavada
e son, coma ti,
muller tendendo soa.