Centro de Documentación da AELG
Escura e transparente - SORGA DE CAMIÑO
Ramos, Baldo

SORGA DE CAMIÑO

turra das palabras coa forza das bestas feridas.

o medo sorprendíanos furgando nos armarios da infancia.

baixan ríos de alcanfor polas gorxas da mudez.

o tempo era daquela
conciencia dunha voz que non doía,
mazairas grises e escuma de metralla.

fende a luz desta tarde
os ollos que aprenderon da néboa destilada nas cañotas
os segredos da cegueira.

tras do que escribes
agóchanse as ruínas da vella casa que respiraba nos veráns
os vapores do sabugo.
 
vou cara a desaparición cos ollos incendiados.

o lume deixa un oco de cinza en cada verso que roubamos
á posesión do que nos nega a memoria.