Centro de Documentación da AELG
Poemas inéditos (textos íntegros) - En nome do meu nome, présa
Arias Saavedra, Ana


En nome meu propio, présa , no meu nome
vos digo, non me alcumedes polo modo
de ser, vou indo en cada dona, en cada home,
barileza de meu, imposíbel , non podo
dar, ante inquedanzas que de min comen,
sería, como desabeiralas de todo,
cando de xocundas rebuldaren soen,
vagantías de penas, quen vosoutros roen!,

Roen , e desolan dun xeito inexorable,
precisando dunhas agarimosas verbas,
de amizades cridas imponderables,
malia que só achedes , efervescencias,
sendo daquela, arelas inacadables,
atopándovos comigo, Présa , en présas
vencellada en xentío, nunhas velocidades
cás veces, a piques me vexo de trousares!,

Trousares, polas carreiras de cotío,
cos degoiros, dunha feitura acadada,
de arranxada, a por anovado feitío,
sen relanzaren nen un chisco de nada,
eu, vouno sentendo , coma un gran fastío,
por viviren desta maneira desacougada,
mesmamente asolados , que no resío,
forzada eu vou , cara variados sitios!,

Sitios , onde se me  vexa despexada,
avantando a alancadas cara algures,
eu diría.....cara onde non hai nada,
ó devalaren as xenuínas costumes,
enxugando naquelas perenas magoadas,
alumeando camiños, cal vagalume,
non como agora, tan só cortinas de fume!,

Fume, néboas, gallos a desazados,
cándidos seres que aínda agardan,
celmes palabras, para ben afastalos,
da escuridade, onde ás atoutiñas andan,
nun cernil brado , a seren encamiñados,
ó seren en empostas, anxo da garda,
a súa deferencia, a foron pousando,
halando de lóbregos, logo delourándoos!,

Delourándoos, na adversidade eles se achan,
¡áchanme a min!, en aleivosas entrañas,
teimudas das miñas dilixencias se gaban,
¡pitoñas! sen non saben nen ren disfrutalas,
tan só , cobizosas amoreando van,
chegado o intre, para en  herdanza deixalas,
rifas, leas, olladas de esguello, cós no chan,
por mor de min , do moi acesa que me fan!,

Fan de min , toda unha chea de balbordos,
cando eu , ben me quixera apouvigada,
coma nos idos tempos, en mazmidos resollos,
á caloriña da lareira, ben ameizada,
con risadas daqueles delongados contos,
ou se ficando infaustamente apenada,
raro era, non ver corazóns dondos,
a taparen buracos , de impíos foxos!,

Foxos , que arestora se soen chimpar,
sen deitar miradas, en miradas pregando,
a min , xa me xeraron ás para eu voar,
mesmo no coche, como camiñando,
para chegar, acadar, e recuncar,
cal céleres polvoriños, remosquexando,
cegando ollos, coitadiños nun fito mirar,
a ollos e padales, por un día os abeirar!,

Abeirar , é sandar feridas no corazón,
ladaíñas da alma zumegando agrura,
xa que de min fan causa sen ningunha razón,
inda se fose nunha senlleira aventura,
mais.......sentendo no feito fruición,
sento pena, vergoña, ó seres negrura,
anguria na meirande dos corazóns,
que ven en min á moura maldición!,