Centro de Documentación da AELG
Poemas inéditos (textos íntegros) - Bonequiño ó meniño
Arias Saavedra, Ana


Xa naceu o Meniño,
Fillo de  Deus e María,
vén nun Sacro cariño,
Sacro Nimbo de alegría,

Alíxeros anxeliños,
cántan-lle á boanova,
pirlándo-lle paxariños,
diante da Sacra cova,

A magna estrela no ceo,
ós Reis Magos ela guía,
có lombo dos camelos,
cheos véñen de ledicia,

              I

Estrelada noite de frío,
lucida paraxe en neve,
sente o Neno calafríos,
roupa El ningunha ten,

Tan só ten El un presebe,
de pallas desaleutadas,
fermosísimos tremelexes,
de estreliñas vencelladas,

En debandar de si mesmas,
mestas fiañas prateadas,
para hurdirlle moi belas,
sedosas mantas e sabas,

              II

A lúa regalo quere,
ó Neno Deus ofrendar,
da súa aureola se quere,
agullas para calcetar,

Zapatiños fulgorados,
a xogo con calcetís,
de estrelecementos halados,
vastos fulgores a ela afíns,

As tebras moi coligadas,
técenlle cinco paxelos,
sendo as acrisoladas,
para abrigaren ó Neno,

               III

Achéganse os Reis Magos,
cansados véñen de Oriente,
de xeonllos lle amosando ,
os tres excelsos presentes,

Denantes de se alonxaren,
forman boneco de neve,
para ó Neno alegraren,
se penas a El viñese,

O bonequiño se viu,
ó albor en belas aureolas,
o Meniño que lle sorriu,
na Mirada  díxolle ¡ola!,

          IV

O bonequiño de neves,
de pronto ó Neno falou,
¡eiquí Rei Meniño me tes,
sendo auganeve tan só! ,

¡Xoga comigo se queres,
e eu o meu amor che darei!,
¡fillo da natura en neves,
na terra eu  me fundirei!,

¡Sendo Ti tan só recén,
tan só Ti me podes mirar!,
¡mírame Neno Deus ben,
para a Túa Mirada eu levar!,

               V

O Neno na benquerencia,
doces Miradas lle regalou,
unha aureola en crecencia,
ó bonequiño en auga trocou,

O bonequiño xa el na terra,
na tenrura se fundiu,
o Neno vendo que auga era,
apenado por el chorou,

Súa Santa Nai María,
nos seus Brazos o apreixou,
coa calor do novo día ,
o Meniño durmindo calou,