Unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo
Foto da actividade

Os Roteiros Literarios por Lugo procuran unha ollada nova á historia e xeografía da cidade.

A inscrición é de balde, cun máximo de 5 persoas por cada roteiro, e obrigatoria. Farase no correo electrónico oficina@aelg.org. Actualmente temos xa todas as prazas cubertas, tendo aberta unicamente a listaxe de reserva, por se houbese algunha baixa.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento. Durante os distintos percorridos será preciso cumprir coa distancia de seguridade e o uso de máscaras. 

 

O programa de Paseos Literarios é o seguinte:

 

- Roteiro arredor de As estacións do lobo
María Reimóndez
Nova data: sábado 26 de decembro, 11:00 (2 horas). Saída desde a Avenida da Coruña, 310.

A novela As estacións do lobo (Xerais, 2019) de María Reimóndez, ten como protagonista a Clara, unha adestradora canina, mais tamén a cidade de Lugo. Por iso propomos un percorrido físico polos espazos e temáticas da novela en compaña da súa autora. O roteiro incluirá lecturas, intervencións e sorpresas para achegarse doutro xeito ao texto desta obra que forma parte, xunto con En vías de extinción, A música dos seres vivos, Dende o conflito e As cousas que non queremos oír, do Ciclo dos elementos, unha serie de novelas independentes mais interconectadas. Pode participar calquera persoa de calquera idade e, con especial relevancia, cans. Iremos camiñando sen présa e parando en diferentes lugares, algúns deles con espazo para descansar. Procuraremos que o paseo sexa relaxado tamén para participantes de catro patas. A actividade non se suspenderá se chove, poderá realizarse con paraugas igualmente.

 

Xa tiveron lugar:

- Eis umha flor para o lume e o mar, roteiro sobre Carvalho Calero.
María Casar
Sábado 14 de novembro, 12:00 h. Saída desde o Vello Cárcere.

O roteiro por Lugo centrado na figura de Ricardo Carvalho Calero fixo da memoria unha chave importante para tratar de mergullarnos na obra poética do autor homenaxeado nas Letras Galegas 2020. Percorréronse diferentes lugares que el camiñou habitualmente, leremos poemas e textos da súa autoría e camiñouse no tempo recoñecendo espazos de liberdade nunha época marcada pola represión. Desde os anos 50 cando se asentou en Lugo e onde viviu até 1965 e con posterioridade regresou moi a miúdo ao longo dos anos. Estancias marcadas polos vínculos familiares e por unha decisión firme de manterse ligado a esta cidade. A importancia do seu labor pedagóxico unido ao soño dun colexio na vangarda educativa fan que Carvalho Calero deixe en Lugo numerosos testemuños entre o alumnado do colexio Fingoi, que dan conta da súa implicación nun poderoso intento de valorizar a cultura e a lingua galega nun momento especialmente difícil. Loitador incansable pola educación e pola defensa do idioma como sinal identitario, galeguista histórico, pedagogo avanzado, investigador concienzudo, novelista e, sobre todo, poeta. Os seus versos acompañarán os pasos deste roteiro coa certeza dunha voz que nos mergulla nun percorrido poético fermoso.

 

- Roteiro das letras violetas
Luz Darriba
Sábado 21 de novembro, 12:00 h. Saída desde o Parque Rosalía de Castro.

O roteiro comezou no Parque de Rosalía de Castro, onde falaremos da obra de Marica Campo, poeta, articulista, novelista infantil e xuvenil que viviu moi perto do parque, na rúa Cedrón del Valle. Tamén se falou de Tareixa Campo Domínguez, cuxa contribución ás letras violetas vénse expresando dende hai moito tempo a través do teatro e do grupo Achádego, fundamental na nosa cidade. No parque de Rosalía de Castro deixáronse poesías (protexidas por folios de plástico) e relatos das escritoras das que se falou para que quen quixese as levas. Falouse, respecto do nome do parque, dende cando se chama así e como se chamaba antes. Do parque de Rosalía andouse até a Praza Maior para falarmos da obra de Carmen Blanco e Adela Figueroa. Tamén se deixaron poesías e relatos nos bancos desa prazas pola que pasa moita xente malia a pandemia. Da Praza Maior andouse até a rúa das Nóreas, case na esquina con San Pedro, onde unha placa recorda o paso de Rosalía de Castro pola cidade amurallada. Sexa que viviu alí, sexa que fose a sé do prelo Soto Freire (do que se falou porque é importante lembrar a quen contribuíu á divulgación do galego), Rosalía pasou por alí, e é o que conta. Deixáronse poesías e relatos no albergue para peregrinos que está xusto nesa rúa. Rematouse cun pequeno recital a cargo de poetas convidadas no monólito de homenaxe á escritora na súa terra dedicado a Pilar García Negro (diante da igrexa de San Froilán).

 

- A Xeración Nós e Lugo
Antonio Reigosa
Sábado 28 de novembro, 12:00

Aparentemente, a nómina de persoeiros lucenses nas actividades da chamada Xeración Nós, nomeadamente as colaboracións no seu Boletín, non semella moi destacada. Porén, a pouco que revisemos os seus índices axiña comprobamos que hai dous tipos de lucenses, nativos e inmigrados, que achegan o seu saber. Os nacidos en Lugo cidade ou na provincia como Bal y Gay, Ánxel Fole, Correa Calderón, Villar Ponte, Lois Peña Novo, Fernández del Riego, Aquilino Iglesia Alvariño, Noriega Varela ou Cunqueiro e os que sendo de fóra, varios ourensáns, fixeron de Lugo residencia profesional e vital. Velaí o caso de Primitivo R. Sanjurjo, Ben Cho Shey, Antonio Fraguas ou Carvalho Calero. Hai entre eles músicos, historiadores, políticos, profesores, poetas, narradores... Por outra parte, o Boletín Nós fíxose eco de numerosas novas relacionadas coa actividade cultural desenvolvida na cidade de Lugo entre 1920 e 1936. Percorréronse, desde a evocación das súas achegas ao proxecto Nós, unha parte da pegada da súa memoria na cidade de Lugo. As rúas que levan o seu nome, os lugares onde residiron ou traballaron e a súa contribución á vida cultural e intelectual da cidade.

 


 

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.