Vexa aquí a nota de prensa.
A AELG convocou os escritores e escritoras galegas á participación activa no acto que se celebrou o vindeiro sábado 9 de abril no IES de Celanova.
Non é esta a primeira actuación de compromiso conxunto da AELG coa Plataforma en defensa do Poleiro, que constituíu unha proclama unánime no libro En defensa do Poleiro. A voz dos escritores galegos en Celanova reclama o uso público do mosteiro de Celanova. Mais entendemos que era preciso continuarmos manifestando o noso apoio explícito coa sociedade e mais co ensino público galego, á vista do nulo avance neste tempo que garanta que o instituto de Celanova poida continuar no mesmo lugar: o mosteiro de Celanova.
A corporación municipal —coa complicidade do goberno actual da Xunta de Galiza— pretende, aducindo vagas e contraditorias xustificacións, espoliar un ben senlleiro do patrimonio de todos, representado polas dependencias do mosteiro de Celanova que acollen as aulas do instituto.
Nas instalacións deste edificio, que é un dos emblemas da historia e da cultura de Galiza, fórmase o alumnado dunha ampla área xeográfica. Mercé ao investimento continuado de fondos públicos, é exemplo da adaptación dun edificio histórico aos máis modernos usos educativos, avalados tanto en resultados académicos como en acondicionamento arquitectónico e tecnolóxico, polo que a tentativa de pór en mans privadas un edificio de titularidade pública —destinado ao mellor uso que se lle pode dar, a formación de toda a mocidade da bisbarra— é un atentado perpetrado dende as premisas neoliberais.
Cumpría amosarmos novamente a nosa solidariedade con esta causa, que é de todos, participando no acto que se celebrou o 9 de abril nas aulas do instituto, co seguinte programa:
Encontro nacional de escritores e escritoras galegos no IES de Celanova
Sábado 9 de abril, ás 12.00, no Instituto de Celanova.
Organizan: IES de Celanova / Plataforma en defensa do uso público do mosteiro de Celanova / Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Programa:
12.00 Biblioteca:
- Acollida aos/ás participantes.
- Doazón de exemplar(es) da obra de cada escritor/a para a biblioteca do instituto. Saúdo de cada escritor/a.
- Interpretación musical a cargo de alumnado do centro.
12.45 Percorrido guiado polas dependencias do instituto.
13.15 Claustro do Poleiro:
- Exposición pictórica da serie “Paisaxe calcinada”, de Mané Boán.
- Mostra de traballos do alumnado dos centros de ensino da bisbarra relativos á promoción do uso do idioma galego. Está organizada pola “Coordinadora comarcal de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística da comarca de Terra de Celanova – Baixa Limia”.
13.30 Recitado de poesía galega, diante da entrada do instituto, perante o busto de Celso Emilio Ferreiro, a cargo de escritores e escritoras participantes no acto.
14.30 Xantar.
Vexa as intervencións inicial e final da presidencia da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
O acto contou coa presenza dos escritores e escritoras Ramón Nicolás, Manuel Vidal Villaverde, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Lois Antón Pérez, Olga Patiño, Sulma Arias, Henrique Dacosta, Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas Zas, Xerardo Méndez Álvarez, Jorge Emilio Bóveda Álvarez, Xosé Benito Reza, Baldo Ramos, Ramón Caride e Carlos Negro.