25 de outubro de 2019
Co apoio da rea de Cultura do Concello de Lugo

 

A Gala contou coa participación musical de Germán Díaz.

En 2016 tivo lugar a primeira Gala dos Premios "Mestras e Mestres da Memoria", unha distinción creada pola Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG no ano 2013 que antes se entregaba na Gala das Letras da AELG. Creouse así a específica «Gala dos Premios Mestras/es da Memoria», coa que a AELG pretende facer máis visíbel ante a sociedade a Literatura de Tradición Oral.

A Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, co lema «Lugo, Capital Galega da Literatura de Tradición Oral», ten sede na capital lucense, e tivo lugar no seu Centro Cultural Vello Cárcere.

Para esta sétima edición dos "Premios Mestra e Mestre da Memoria" (cuarta edición da Gala), a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, previa deliberación do Grupo de Traballo composto por Ana Acuña, Félix Castro Vicente, Carme Pernas Bermúdez, Calros Solla, Xurxo Souto, X. Manuel Varela, Lois Pérez e Antonio Reigosa, propuxo ao Consello Directivo da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega someter á consideración da Asemblea Xeral recoñecer como Mestra e Mestre da Memoria 2019 respectivamente a Dorothé Schubarth e a Pablo Quintana. A Asemblea aprobou a proposta, e a entrega destas distincións fíxose na IV Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria que se celebrou en Lugo co apoio do Concello de Lugo e da Deputación Provincial de Lugo.

No acto, conducido Antonio Reigosa, participaron Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Antón Santamarina, quen fixo a laudatio de Dorothé Schubarth, e Xosé Luís Freire, quen leu a laudatio de Pablo Quintana.

 
 

MESTRA DA MEMORIA 2019: DOROTHÉ SCHUBARTH

youtube, Premios Martín Códax da MúsicaYou Tube, Premios Martín Códax da Música


Musicóloga. Natural de Basilea (Suíza), onde comezou os seus estudos que ampliou en Colonia e Múnich. É directora de coro e musicóloga. A partir de 1971 ocupou a cátedra de harmonía e contrapunto na Academia de Música de Lucerna (Suíza) e comeza a desenvolver investigacións arredor das músicas populares europeas. Realizou traballos de campo nos Balcáns, no Cáucaso, Alemaña e Francia cuxo resultado publica no libro Das Volkslied in Europa. Vielfalt seiner Erscheinungsformen (O Canto Popular en Europa. Diversidade das súas formas) (Lucerna, 1978). 
En 1978 visita Galicia para coñecer a nosa música popular mais o interese polo que aquí descobre fai que se dispoña a realizar un traballo de campo intensivo por todo o país que remata coa publicación da magna obra en 7 volumes que contén a mellor e máis ampla análise, clasificación e estudo da nosa lírica popular, publicada baixo o título Cancioneiro Popular Galego pola Fundación Barrié en 1984.  
O Arquivo Sonoro de Galicia conserva 248 CD con copias dixitalizadas das súas gravacións orixinais e coas correspondentes transcricións a cargo do profesor e filólogo Antón Santamarina.
Entre os recoñecementos que se lle fixeron en Galicia están o I Día das Galegas nas Letras en 2014 e Premio Honorífico 2017 da Asociación de Músicos ao Vivo. 

MESTRE DA MEMORIA 2019: PABLO QUINTANA LÓPEZ

Canela Producións


Naceu en Vilanova de Oscos (Asturias) en 1956. Reside na Coruña desde 1982. Escritor, investigador, músico e divulgador da cultura popular, material e inmaterial, tanto galega como da Asturias occidental. É autor de numerosos traballos, libros, artigos..., arredor da transformación artesanal do ferro, foxos do lobo, danzas e festas gremiais, zoqueiros, músicas populares e diversos xéneros da literatura popular tradicional.
Coordinou a serie etnográfica Recolleita (Ruada, 1981) que editou o disco coas gravacións das coplas do cego Florencio da Fontaneira e a pandereteira Eva Castiñeira. É autor do LP O cego andante (Ruada, 1982) no que xunto con outros músicos interpretou temas tradicionais recollidos en boa parte por el mesmo. 
Dirixiu documentais sobre danzas procesionais e bailes entre 1982 e 1983, en vídeo industrial Umatic, e otros materias videográficos para a produtora Espello Video-Cine.
Traballou na radio desde 1980, primeiro en Radio 80 e despois como técnico en  Radio Nacional de España, onde, ademais, se encargou de programas como Garmalleira e Hoxe domingo, así como emisións de intercambio coa Unión Europea de Radiodifusión (UER) para Radio Francia, Radio de Polonia e Radio Praga. Na actualidade dirixe a Editorial Canela, especializada na publicación de libros sobre personaxes singulares e actividades esmorecentes da nosa cultura popular.