Do 30 de setembro de 2011 ao 1 de outubro de 2011
A tradución literaria. Profesión e creación. Co patrocinio da Consellaría de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia, Deputación Provincial da Coruña e o Centro Español de Derechos Reprográficos.

30 de setembro

 
17:00 Mesa redonda "Repercusión da edición dixital na práctica e os dereitos do tradutor"
Armando Requeixo (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, AELG)
Xabier Mendiguren Elizegi (Euskal Idazleen Elkartea, EIE)
Mario Sepúlveda (Associació d’Escriptors en Llengua Catalana, AELC)
Coloquio.
 
19:30 Día internacional da tradución. Fragmentos de lectura literaria na lingua orixinal e na versión traducida.
Manuela Palacios (Galego-Inglés)
Texto de Iñaki Irazabalbeitia lido por Fito Rodríguez (inglés e éuscaro)
Montserrat Abelló (Inglés-Catalán)
Enric Casasses (Italiano / Francés-Catalán)
Ramón Farrés (Alemán-Catalán)
Feliu Formosa (Alemán-Catalán)
 
1 de outubro
 
10:30 Mesa Redonda: "Autotradución e tradución entre as nosas linguas e o castelán como lingua de mediación (ou non)"
Manuela Palacios (AELG)
Carme Riera (AELC)
Nicolas Zimarro (EIE)
Coloquio
 
12:30 Asemblea Xeral da Federación Galeusca
14:00 Clausura

O Galeusca 2011, comezou coa mesa redonda «Repercusión da edición dixital na práctica e os dereitos do tradutor». Guillem-Jordi Graells, presidente da AELC e en calidade de moderador tamén aproveitou para dar a benvida a todos/as en nome da asociación. 
Mario Sepúlveda, asesor do AELC para temas xurídicos, abriu o tema falando do acordo a que chegaron editores e escritores cataláns para un novo modelo de contrato en edición dixital, pioneiro en Europa. Sepúlveda engadiu que se fixo un contrato diferenciado porque a edición dixital non ten nada que ver coa que se fixo ata agora. Por exemplo, confúndese obra e soporte (lector electrónico ou e-reader), e quérese incidir ao reivindicar os dereitos morais do autor/tradutor, que é basicamente o dereito de reprodución, máis aló da reprodución analóxica. Nunha obra dixital, cada vez que se baixe o libro, cada vez que se entre en contacto na súa totalidade ou en parte, ten que contar como reprodución. Agora fálase de comunicación no canto de distribución, posto que en libro dixital non hai soporte tanxíbel para distribuír. 
 
Armando Requeixo, da AELG, fixo unha panorámica da edición dixital en Galicia, sinalando que respecto ao catalán quizais están un paso atrás nesta cuestión. Publícanse en Galicia uns 1.500 libros, dos que a metade son de ficción, e destes, uns 150, traducións. Hai editoriais emblemáticas como Xerais ou Galaxia que ofrecen libros dixitais, pero curiosamente ningún destes son traducións. As traducións que se ofrecen en internet son de libros clásicos e descárganse gratuitamente. Os tradutores que traballaron cobran polo traballo, e se a obra se publica en papel cobrarán 'en especies': un número determinado de exemplares da obra traducida. Requeixo concluíu a súa intervención indicando que os editores en Galicia aínda non conseguiron unha fórmula viábel para poñer en marcha a edición dixital, e que unha das solucións sería impulsar tamén un contrato dixital, independente do contrato en papel. 
Xabier Mendiguren, de parte dos escritores en éuscaro (Euskal Idazleen Elkartea, EIE) tamén fixo un breve repaso ao mundo do libro en lingua vasca, sinalando que dos 2.000 libros que se editan ao ano, unha terceira parte son traducións, e algo menos da metade é obra nova. Hai ademais un fenómeno parecido ao galego: os libros dixitais son exclusivamente obra nova e ningunha tradución. E que público consome edición dixital? Practicamente inexistente. É un mundo que aínda ten que asentarse, e fálase del máis nos medios do que é o seu impacto real no público lector. 
 
No coloquio posterior Guillemos-Jordi Graells deu un dato que expresa o interese crecente polas edicións dixitais: Cedro viu multiplicadas por cinco as denuncias por pirateo de obras. Engadiu tamén que as editoriais non teñen unha boa estratexia posto que venden as obras dixitais a prezos demasiado próximos ás obras en papel. Teñen medo que a obra dixital faga a competencia á propia en papel, pero os prezos tan elevados evitan que o público compre obra dixital e opte por descargas ilegais. Mario Sepúlveda engadiu que os autores están entrando en guerra con editores e grandes plataformas como Google ou Apple; estes están chegando a acordos por explotación de obras pasando por riba dos dereitos dos autores, e chegará un día en que se pague por ler, como en teoría se paga agora para escoitar música. Ander Iturriotz, presidente de EIE, concluíu o coloquio avogando por un mundo dixital onde os autores de linguas minorizadas como a vasca xoguen máis o papel da difusión da obra, por riba dos dereitos de autor. Quizais interesa máis ser coñecidos polo máximo de xente que recibir uns poucos euros en concepto de dereitos de autor. En calquera caso, o ideal é que o autor puidese escoller unha opción ou outra. 
 
 
Mesa redonda Repercusión da edición dixital na práctica e os dereitos do tradutor. 
 
Bartomeu Fiol durante o recital. 
 
A continuación, na sala Sagarra celebrouse un recital de poemas en lingua orixinal e a súa tradución. Presentado por Isabel Olid, o recoñecido poeta catalán Bartomeu Fiol empezou lendo tres poemas de Georg Trakl e dous de Rainer Maria Rilke. A continuación Manuela Palacios leu os orixinais galegos e as súas traducións inglesas dun poema de Ana Romaní e outro de María Lado. Manuel Forcano leu catro traducións ao catalán de poetas hebreos, entre os cales Iehuda Amikhai. En éuscaro participou o tradutor Fito Rodríguez, quen leu un breve fragmento do ensaio de Proust Sobre a lectura. Finalmente a poeta Montserrat Abelló leu, en lingua orixinal e na súa versión catalá, poemas ingleses de Sylvia Plath, Margaret Atwood, Anne Sexton e Adrienne Rich. 
 
O 1 de outubro comezou a segunda xornada do encontro coa mesa redonda «Autotradución e tradución entre as nosas linguas e o castelán como lingua de mediación (ou non)», moderada por Laura Santamaria. A profesora Manuela Palacios, da AELG, presentou a antoloxía To the Winds our Sails, unha compilación de poetas galegas traducidas ao inglés e ao gaélico por parte de poetas irlandesas. Un libro que evidencia a relación literaria entre Irlanda e Galicia desde hai un século e medio, desde Eduardo Pondal e Manuel Murguía ata exemplos como esta antoloxía pasando por autores da Xeración Nós ou Álvaro Cunqueiro. Palacios sinalou finalmente que a intención foi facer participar autoras de todas as xeracións, e que unha trintena de persoas participaron no proxecto. 
A escritora Carme Riera falou a continuación da súa experiencia como autotradutora ao castelán das súas novelas. Empezou afirmando que autotraduciu a súa obra por necesidade, logo das experiencias cos tradutores das súas primeiras obras. Chegou á conclusión que o mellor sería autotraducirse para ter máis liberdade, ata o punto de facer versións, máis que non traducións. Neste sentido engadiu que cando escribe unha novela case ao mesmo tempo vai tirando a versión ao castelán e deste xeito evita fuxir demasiado da edición orixinal, cousa que sería máis fácil se fixese a versión ao cabo dun tempo. Riera sinalou a contradición de pensar que ao traducir unha obra se perde o sentido de manipulación lingüística inherente a esta, e doutra banda é unha autora á que lle encanta que a traduzan. 
Finalmente, Nicolás Zimarro, da asociación vasca de escritores EIE, fixo unha breve análise das complexidades e riquezas do feito da tradución, por exemplo co desaxuste entre a sinonimia dunha determinada lingua con calquera outra. 
O coloquio, que contou con numerosas intervencións do público asistente, virou ao redor dos problemas que se presentan á hora de traducir desde linguas minorizadas como o catalán, vasco e galego, por exemplo que demasiado a miúdo as traducións a linguas que non controle o autor se fagan a partir da versión castelá. Tamén se sinalou o feito de que dende as editoriais cada vez se pidan máis unhas obras en que os 'problemas' de tradución sexan os mínimos, é dicir, narracións 'autotraducíbeis', con todo o que comporta de baixada da calidade literaria. 
 
Carme Riera e Manuela Palacios.
 
Nicolás Zimarro e Laura Santamaria. 
 
A asemblea xeral da Federación Galeusca pechou o encontro. O acto, conducido polo seu presidente de quenda, neste caso Cesáreo Sánchez (AELG), empezou coa lectura e aprobación do acta do encontro anterior, a de 2010. A continuación explicou o que fixo a federación este ano, que basicamente consistiu nas xestións para pedir do goberno español que a partida orzamentaria dedicada á ACE (Asociación Colegial de Escritores) se amplíle ou reparta entre todas as asociacións do Estado e non só ACE. De cara ao futuro insistiuse en traballar por este recoñecemento, así como por ter máis presenza nas actividades da Instituto Cervantes. Guillem-Jordi Graells, presidente do AELC, informou sobre o European Writers Council -o consello europeo de asociacións de escritores-, e a vontade da Federación Galeusca, xunto con outros estados, para que cada asociación de escritores teña un voto no consello e así eliminar a norma que outorga só dous votos por estado. O acto finalizou co traspaso de presidencia rotativa anual cara á asociación vasca de escritores, o Euskal Idazleen Elkartea, e coa lectura do Manifesto da Federación Galeusca 2011 en galego, éuscaro e catalán:
 
MANIFESTO DA FEDERACIÓN GALEUSCA
ATENEU BARCELONÈS - BARCELONA 2011
 
Reunidos en Barcelona o día 1 de outubro de 2011, Nós, escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns, MANIFESTAMOS: 
 
1. En contra de todo intento de invisibilización, manipulación e desvirtuación cultural e nacional, somos escritoras e escritores galegos, vascos e cataláns aqueles que usamos como instrumento de creación as nosas respectivas linguas, é dicir, galego, éuscaro e catalán. 
 
2. A pesar dos adiantos en normalización, non só nos atopamos moi lonxe aínda dos mínimos esixíbeis nunhas sociedades nacionais asentadas, senón que asistimos no presente ao que consideramos unha involución no recoñecemento das nosas identidades. Damos conta máis unha vez da falta de cultura plurilingüe do Estado español, que nos últimos trinta anos non manifestou a vontade de favorecer un clima de educación para a convivencia democrática real e mutuo entendemento entre as diferentes linguas e literaturas do ámbito do Estado, sometidas sempre a ese mito anacrónico do "destino histórico" da cultura española.
 
3. Diante dos novos intentos de recentralizacion do estado unitario español, seguimos a constatar que, só se cada unha das nacións aquí representadas accedemos a maiores cotas de soberanía, haberá garantías de pleno restabelecemento a niveis de normalidade. 
 
4. Reiteramos o noso apoio aos modelos de inmersión lingüística aplicados polos nosos sistemas educativos como modelo de adquisición das nosas linguas e culturas minorizadas.
 
5. Que, vinte e sete anos despois do Manifesto de Poblet, os sucesivos encontros anuais demóstrannos a preocupación intensa dos escritores a respecto da problemática das nosas nacións sen estado, pois constatamos aínda hoxe a existencia de novas formas de censura económica e ideolóxica, que tamén afectan aos escritores e escritoras. 
 
6. Reafirmámonos no compromiso firme de aprofundar nas relacións continuadas de intercambio e de acción conxunta entre as literaturas de Galicia, Euskal Herría e Países Cataláns, a través da Federación Galeusca. En concreto:
 
-Promover intercambios de escritores/as e experiencias das producións literarias respectivas.
-Pór en marcha publicacións comúns adaptadas aos novos formatos dixitais de edición.
-Impulsar traducións mutuas destinadas a favorecer o transvasamento de experiencias culturais.
-Velar pola defensa conxunta e solidaria dos intereses profesionais. 
  
 
Finalmente, comprometémonos a continuar traballando no camiño xa comezado naquel primeiro encontro, celebrado en Poblet o día 24 de xuño de 1984, e autoconvocámonos anualmente para dar continuidade ao labor iniciado entón e hoxe desenvolvido a traves da Federación Galeusca, creada no ano 2009.
 
 
 
[Fotos: Carme Esteve]