Do 24 de outubro de 2026 ao 12 de decembro de 2026
Unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, actividade subvencionada pola Deputación da Coruña, coa colaboración da Libraría Biblos
Foto da actividade

Seica Michelangelo dicía que o seu traballo como artista era atopar a escultura oculta que xa había dentro dun bloque de mármore: limitábase a retirar o que sobraba. Ese materia prima súa era o resultado dun proceso metamórfico de varios millóns de anos que transforma o que noutrora eran cunchas mariñas en rocha caliza, que os procesos internos da terra acaban por converter en mármore. De igual xeito, tamén as historias nacen dun longo desenvolvemento no que se van sedimentando materiais diversos: o visto e o lido, o recordado e o esquecido, os mortos e os vivos. Igual que a actividade tectónica empurra do mármore ata sacalo á superficie, tamén eses compoñentes do relato acaban por agromar. E, sen ousar compararnos co mestre italiano, temos que ir buscando os personaxes e as historias para que vexan a luz. Facémolo coas ferramentas do oficio, pero tamén coa guía da intuición, que non é máis que aquilo que non sabiamos que sabiamos.

 

Atopar (e escribir) as historias (agochadas)

A cargo de Xesús Fraga, cunha sesión especial con Ángel de la Cruz.


Hai 15 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, realizarase, indicando nome e apelidos, xunto ao nome do obradoiro, enviado un correo electrónico a oficina@aelg.org. As solicitudes atenderanse por orde cronolóxica de chegada. A inscrición de cada persoa participante entenderase feita para o conxunto da actividade.

Horarios e calendario:
De 17:00 a 20:00 h. os sábados:
- 24 e 31 de outubro
- 7, 14, 21 e 28 de novembro

De 17:00 a 19:00 h. o sábado:
- 12 de decembro

Todas as sesións terán lugar na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4), en Betanzos.

 

 

Información sobre protección de datos
A responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.