Do 22 de febreiro de 2026 ao 10 de marzo de 2026
Co apoio do Centro Español de Dereitos Reprográficos (CEDRO)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemora un ano máis o Día de Rosalía de Castro.

Para o 23 de febreiro, data do aniversario do nacemento da autora, esta entidade propón desde 2010 á cidadanía que agasalle cun libro en galego e cunha flor ás amizades e persoas queridas, alén doutras accións que contan con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Nesta edición de 2026 Eva Veiga é a persoa encargada da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o domingo 22 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela. O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino.

O lema escollido para este 2026 é: #maiselestamenperdidos

 

 

Actos promovidos pola AELG

 

Actos promovidos pola AELG

 

Acto central. Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), Santiago de Compostela

O acto central do Dí­a de Rosalía de Castro terá lugar o domingo 22 de febreiro, ás 12:00 horas, no Panteón de Galegos Ilustres (San Domingos de Bonaval), en Santiago de Compostela. A entrada será libre e gratuíta.

 

 

Este é o programa previsto:

Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias.

Lectura do Manifesto da AELG en 2026, Eva Veiga.

Lectura de poemas rosalianos.

Intervención do coro da Asociación Cultural e Musical Solfa.

Ofrenda floral

Interpretación do himno