8 de xullo de 2007
Na Asemblea Xeral Ordinaria do 20 de xaneiro acordouse conceder o galardón da Aelg "Letra E" a toda unha traxectoria ao escritor do Valadouro.
Foto da actividade

Temos fillos e fillas

e reinamos felizmente en Tebas,

a cidade da miña madureza.

A dos amañeceres frescos

e dos solpores ruibos e solemnes.

 

 

Os actos de homenaxe, que nos levaron a este val da Mariña de Lugo, tiveron lugar o domingo 8 de xullo, a partir das 11:30 da mañá e conforme o programa de actos que se pode ver aquí

 


 

A Aelg entregou a súa “Letra E” ao dramaturgo MANUEL LOURENZO, durante a Homenaxe “O Escritor na súa Terra”

 

O domingo día 8 de xullo, a partir das 11.30, desenvolveronse unha serie de actos de homenaxe entre os concellos de Alfoz e O Valadouro

 


 

             A filosofía da homenaxe é a de honrar escritores e escritoras cunha dilatada carreira literaria que suscite o consenso de todos en canto á súa valía.

Quere ser unha homenaxe que goce da presenza do homenaxeado/a contando coa súa implicación persoal durante a organización. Busca tamén a complicidade dos veciños e autoridades locais da que o escritor/a considera a súa terra, neste caso o Val do Valadouro, que abarca os concellos de Alfoz e O Valadouro.

 

O Escritor na súa Terra”, título xenérico desta homenaxe, implica, máis alá da entrega da “Letra E” (e de escritor) a consideración do homenaxeado como Socio de Honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

 

 

            Comezou ás 11.30 no Parque Concepción Arenal de Ferreira, capital do Concello d’O Valadouro, coa instalación dun monólito cun texto escollido polo autor e a plantación dun érbedo. Este foi o texto lido polo Presidente da Aelg, Cesáreo Sánchez Iglesias.

            Acto seguido, a poucos metros de alí, descubriuse unha placa na casa natal de Manuel Lourenzo, onde a Secretaria Xeral da Aelg, Mercedes Queixas Zas, dixo estas palabras.

Ás 12.30, tamén en Ferreira, durante un acto no que tamén interviu o Sr. D. Eulogio Fernández Sampayo, Alcalde do Concello do Valadoruo, o Centro Sociocultural Xuvenil e da Terceira Idade pasou a chamarse "Manuel Lourenzo" por acordo do pleno do Concello d'O Valadouro. Vexa aquí as palabras do Presidente da Aelg.

            Desde alí o programa desprazouse ao Concello de Alfoz onde ás 13.30, na súa Torre “Pardo de Cela”, tiveron lugar a lectura da Acta de Concesión da Homenaxe e máis da Laudatio ao dramaturgo mariñao, a cargo do Profesor da Universidade da Coruña Henrique Rabuñal Corgo, e mais a entrega da “Letra E”, peza escultórica deseñada polo artista Acisclo Manzano. Estas foron as palabras de Cesáreo Sánchez.

 

            Finalmente houbo un xantar de confraternidade no restaurante “O Frenazo” da capital alfocense.

 

 

Os monólitos, placas, árbores e lugares "bautizados" co nome de escritores/as (Manuel Lourenzo é o décimo terceiro homenaxeado) pretenden ser un legado, un patrimonio de todos e todas que deixe constancia da memoria que o pobo ten dos seus escritores como abandeirados na defensa da súa cultura e lingua.

 

A Aelg quere así agradecer ás cidades, vilas e aldeas do noso país que os escritores/as consideran súas o que elas fixeron por todos nós a través dos seus fillos escritores e escritoras.

 


 

          "...volvemos hoxe con Odiseo Lourenzo Pérez ás terras que o deron ao mundo un 15 de abril do 43 neste Valadouro que para moitos de nós é Ítaca familiar e próxima. Nestas terras están os mitos primeiros, os contos fabulosos dos vellos, o monte, o val e o mar que non anda lonxe.  Estamos con el na Frouxeira vendo o Xistral e por entre as costelas véndolle a alma a este home que fixo pasar polo seu gabinete a Edipo rei de Tebas e pai de Ismene, a Hamlet, a Orestes e a Macbeth.

 

Altísimo poeta, narrador, articulista nada banal, ensaísta lumínico, tradutor, dramaturxista e dramaturgo -o máis prolífico autor teatral da nosa historia-, debuxante ocasional, conferencista gratificante, investigador impertérrito, orador, director teatral, actor de teatro, de cinema, de televisión, profesor e mestre de tantas xeracións, divulgador, dinamizador de diferentes iniciativas teatrais e non teatrais, galego libre e escritor culto, que pensa para nós desde el e por el.

 

Leva case medio século sendo carne e mente lúcida do teatro galego desde todas as posicións. O teatro que el profesa e predica permítenos gozar da escrita, da recepción e da profunda creatividade que encerra o xogo dramático. Un xogo no que os espectadores acompañamos os actores nunha precisa investigación que ten como materia fulcral a humanidade mesma..."