24 de febreiro de 2017
Co apoio do Centro Español de Derechos Reprográficos (CEDRO)
Foto da actividade

Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) no Día de Rosalía de Castro 2017 

En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía posúe as cores reveladoras da primeira luz.

Imaxino a Rosalía no século XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.

Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.

En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.

Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.

En Galicia existen infinitas formas de chover,

Como chove miudiño,

como miudiño chove,

pola banda de Laíño,

pola banda de Lestrove.

 

E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. RosalíaTe!

Ledicia Costas 
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

 

Saúda da presidencia da AELG no acto central da AELG celebrado o día 19 de febreiro de 2017

Queridas Amigas e amigos.
Representantes das institucións culturais, sociais e políticas da nosa Nación.


Vimos ao Panteón de Galegos Ilustres para honrarmos á nosa máis alta poeta ás portas do seu día, o Día de Rosalía de Castro. Vimos para a celebrar neste aniversario do seu nacemento; para reivindicar, un ano máis, un Panteón de Galegos Ilustres laico, de acceso público e que sexa o seu uso de titularidade publica. 
Ano tras ano, temos que repetir esta situación, está anomalía histórica de ter que pedir permiso eclesiástico para poder acceder á tumba de Rosalía de Castro e lle traer flores, a un dos símbolos que acrisola aquilo que os galegos e galegas somos e soñamos ser; mais tamén de lle traer o noso afecto ao corpo mortal que aquí xace, humano.
Neste acto cívico de hoxe querémonos reafirmar  como fixemos hai sete anos ao celebrar o aniversario do traslado do seu corpo mortal a este lugar  na nosa condición de galegos e galegas conscientes. Hoxe apelamos con orgullo á súa figura.

Por toda a Galiza se celebran ao longo dos próximos días actos para conmemorar o Dáa de Rosalía de Castro, ademais de propor a toda a sociedade, a todas as xentes de noso, que agasalle un libro en galego e unha flor. Na grande parte dos centros educativos celébranse actos, xa se comezaron a celebrar lecturas, concursos de videopoemas, autogravacións individuais, pequenas obras teatrais e todo o que o fermoso maxín creador que habita nos nosos escolares, coma nos anos anteriores.
Perto xa de sesenta concellos aprobaron en pleno o día de 24 de febreiro como o Día de Rosalía de Castro, e as deputacións provinciais de Lugo e a Coruña. Agardamos que pronto tamén sexa declarado polo Parlamento galego, ademais de xa formar parte do calendario do Libro e da Lectura da Concelleira de Cultura. 
Cada vez máis sectores da nosa sociedade se incorporan e nos convida a dicir alta e clara a mensaxe da nosa poeta nacional. Mensaxe que segue a estar vixente. A que asumiu como propia a voz das clases populares de noso, que guiou permanentemente a súa obra e o seu pensamento liberador, como muller, como galega.

Rosalía, dende a soidade intransferible da súa experiencia poética, fai arder na súa obra a súa vida na chama da experiencia propia e colectiva de se pensar como parte do destino deste pobo, que cada día nace da ledicia e da dor. 
Neste tempo de posverdade, é dicir, de enunciar sen pudor as máis obscenas mentiras para negar elementais dereitos humanos, precisamos da capacidade creadora de Rosalía de Castro. Creadora de futuro para a nosa mocidade. 
A mocidade que deberá asumir os labores que nos garden da sobreexposición a procesos de asimilación cultural. Precisamos dunha mocidade que siga creando dende a súa propia contemporaneidade, asimilando e transformando en cultura galega todas as influencias da cultura universal. Para isto, a figura dunha poeta coma Rosalía de Castro é referencial e determinante, para nos mostrar o noso rostro, a imaxe non deturpada de nós propios.

Cando ollamos outros pobos, outras culturas, e como precisaron de xeracións para escribir o relato fundador da súa historia que sustentara os alicerces da súa identidade, ela, Rosalía, soia e sen arrimo, foi capaz de construír o relato fundador de todo un pobo. Deste anaco da humanidade que somos os galegos.
 A obra de Rosalía de Castro fai iso: dános, aos galegos e galegas, un nome e rescátanos do anonimato da historia. Fainos visíbeis nun contexto construído por xeracións e xeracións. Intégranos como protagonistas na narración da nosa propia historia.

Celebramos que o aeroporto da capital da Galiza, leve o nome da nosa poeta nacional e felicitamos á corporación municipal do Concello de Compostela pola súa unanimidade arredor da nosa Poeta. Agardamos de todos os grupos políticos no Parlamento galego esa mesma unanimidade que ela convoca, para que demanden do Goberno galego o acceso e a apertura permanente desta casa común de todas as galegas e galegos. 

Rosalía De Castro foi traída a Bonaval pola sociedade galega consciente daquel tempo, e será a conciencia do pobo galego quen a redimirá deste inhumano desterro interior.


Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Bonaval, 19 de febreiro de 2017


Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) conmemorou un ano máis o Día de Rosalía de Castro. O 24 de febreiro, fixado no Calendario do Libro e da Lectura como aniversario do nacemento da autora, esta entidade propuxo á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, alén doutras accións que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo, como se pode comprobar no arquivo audiovisual e de imaxes da nosa web.

Pode descargar aquí o cartel base do Día de Rosalía de Castro 2017, en formatos pdf e jpg.

 

Desde o profundo da voz e co seu canto radical e solidario, Rosalía de Castro mobiliza a nosa conciencia colectiva, galega e universal. A obra de Rosalía, adiantada ao seu tempo, fala tamén para a mocidade do século XXI: adáptase, camaleónica, a todos os soportes e medios de difusión tecnolóxica, en papel ou dixitais.

#RosalíaTe

 

Actos promovidos pola AELG
Actos organizados por outras entidades
Actividades nos centros de ensino
#RosalíaTe. O Día de Rosalía de Castro nas redes sociais

 

 

Actos promovidos pola AELG

 

Programa

  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: A Rosalía (Letra: M. Curros Enríquez; música: J. Alfredo Oliveira)
  • Saúda do Presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias
  • Lectura do Manifesto da AELGLedicia Costas
  • Lectura de poemas rosalianos: Henrique Alvarellos (Asociación Galega de Editoras), Pilar Rodríguez (Federación de Librarías), Pilar Astray Rodríguez (Asoc. Traxe Galego), Pilar Reino  (A. C. e Musical Solfa), Ramiro Torres (AELG)
  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Negra Sombra (Letra:  Rosalía de Castro; música : J. M. Capón)
  • Lectura de poemas rosalianos: Larraitz Urruzola (Asociación de Actores e Actrices de Galicia - AAAG), César Goldi (AAAG), Federico Pérez (AAAG), Josi Lage (AAAG), Ricardo de Barreiro (AAAG), Andrea Dunia (AAAG), Mercedes Queixas (AELG)
  • Coral da Asociación cultural e musical Solfa: Has de cantar (Letra: Rosalía de Castro; música: Antonio B. Celada)
  • Ofrenda floral
  • Interpretación do himno 

------

Alén deste acto central, que tivo lugar ás 12.00 do domingo 19 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, a AELG en colaboración coa súa base asociativa organizou por todo o país lecturas públicas da obra de Rosalía de Castro.

En todos estes actos leuse o tradicional manifesto da AELG, que este ano elaborou a escritora Ledicia Costas.

Fermosa xornada en Friol grazas á colaboración entusiasta de Castronela, da agrupación musical Xesta Verde e do Concello. Leron entre grandes e pequenos/as unhas 25 persooas. Asistiron arredor de 90. Regalouse a cada lector/a unha rosa e un poema de Rosalía. Para as pequenas/os, ademais, unha piruleta. O Concello convidou a un petisco de pan e queixo ao remate. Asistiron en representación da AELG Isidro Novo e Antonio Reigosa. Pódense ver as fotos na galería fotográfica desta actividade.

Máis de medio cento de persoas asistentes recibiron como agasallo unha flor elaborada pol@s usuari@s do Centro Ocupacional Vilalba-Terra Chá. Pódense ver as fotos, da autoría de Martiño Maseda, socio da AELG coordinador do acto, na galería fotográfica desta actividade.

 

Actos organizados por outras entidades

 

Na web Cultura de Galicia tamén se recompilaron actos de celebración do Día de Rosalía de Castro.

Foron varios os concellos da Costa da Morte (Cee, Carballo, Fisterra e Vimianzo) que celebraron o Día de Rosalía. Máis información, aquí.

A Deputación de Lugo conmemorou o venres 24 os 180 anos do nacemento de Rosalía de Castro. Ese día agasallou os-as aos visitantes dos 4 museos da provincia, Museo Provincial de Lugo, Pazo de Tor, San Paio de Narla, e do Mar, e aos da Capela de Santa María. En total entregáronse 250 láminas, co poema "Adiós ríos, adiós fontes" e unha rosa. A ilustración de Rosalía de Castro é de Noemí López Vázquez e pertence a colección da exposición do Centro de Artesanía e Deseño "Imaxinando Cantares Gallegos":

 

A Coruña

Mércores, 22 de febreiro, ás 19.30.

Ames

O Concello de Ames desenvolveu un variado programa de actividades e iniciativas para a celebración do Día de Rosalía. Toda a información, aquí.

 

Moaña

Sábado 18, ás 20.00, no Centro Cultural de Domaio. Máis información, aquí.

 

Arteixo

Pontevedra

Pontevedra

Mércores 22, ás 20.00, na Casa da Luz.

 

Santiago de Compostela

A área de Cultura da Deputación da Coruña organizou un acto de homenaxe a Rosalía de Castro o  xoves día 23 de febreiro ás 12:00 horas diante do monumento da Alameda de Santiago, que este ano cumpre cen anos. No acto, repartiuse o libro Quen fora pedra que recolle unha investigación de Miguel Anxo Seixas sobre a historia da estatua.
O presidente e a vicepresidenta da Deputación, Valentín González Formoso e Goretti Sanmartín Rei, o alcalde de Santiago, Martiño Noriega, o presidente da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Cesáreo Sánchez Iglesias e o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira interviron no acto de homenaxe organizado pola institución provincial, que contou coa actuación musical do grupo Habelas Hainas, que interpretou diversos temas de Rosalía de Castro, e a lectura de poemas por parte de rapazas e rapaces de distintos institutos de secundaria da cidade de Santiago de Compostela.
O acto, organizado arredor do Día de Rosalía no 180 aniversario do nacemento da poeta, desenvolveuse ás 12:00 horas diante da estatua a Rosalía situada no paseo da Alameda de Santiago de Compostela, monumento que este ano chega ao seu centenario. No transcurso da homenaxe, a Deputación da Coruña entregou o libro Quen fora pedra, editado pola institución, no que o investigador Miguel Anxo Seixas percorre a historia da estatua desde que foi proxectada, pasando polo sistema de micromecenado social para a súa construción ou os debates que se crearon arredor da iniciativa até os actos históricos que se celebraron na súa contorna.
"Após a súa inauguración, a escultura converteuse nun símbolo de exaltación da nosa cultura e a nosa lingua, nun lugar de referencia para o galeguismo e nacionalismo, nun espazo de compromiso", sinala Goretti Sanmartín Rei no limiar do libro que se repartiu no transcurso do acto.
O acto foi o preámbulo da conmemoración que a Deputación da Coruña prepara para celebrar o centenario do monumento e no que se lembrou o acto inaugural histórico e a colaboración popular na construción da emblemática estatua.
O título do libro e da homenaxe recolle un verso da propia escritora do poema "Amigos vellos" que forma parte do libro Follas Novas. Desde a Deputación fíxose tamén un chamamento para se fotografar ao pé da estatua e publicar os retratos nas redes sociais cos cancelos #quenforapedra e #Rosalía1917_2017

 

Rianxo

Xoves, 23, a partir das 19.30.

Lugo

Organizada pola Concellería de Cultura e Ágora Cultural, celebrouse o Día de Rosalía de Castro cunha lectura colectiva, o día 24 de febreiro, de 12:00 a 14:30, nos soportais da Casa do Concello.

Ourense

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e o campus de Ourense convocaron o Concurso de Videopoemas #RosalíaTe (vexa aquí as bases). Nel convidouse aos membros da comunidade universitaria a presentar nunha videogravación feita co teléfono móbil na que se recitara un pequeno fragmento ou estrofa dalgún poema da escritora galega. O obxectivo da iniciativa era transmitirlle á sociedade a importancia da figura de Rosalía de Castro no ámbito sociocultural galego.

Segundo explica Isabel Mociño, profesora da Facultade de Ciencias da Educación promotora da iniciativa, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra desde 2011, coa implicación de todo tipo de entidades, o Día de Rosalía. O campus de Ourense, sinala a docente, “únese ao movemento social de base ao redor do Día de Rosalía este ano que se cumpre o 180 aniversario do seu nacemento cunha serie de iniciativas, como son a convocatoria deste concurso de videopoemas e a celebración dun acto de conmemoración o día 24 de febreiro na Biblioteca Rosalía de Castro”. Nestas actividades participaron a Vicerreitoría do Campus de Ourense, a Biblioteca Rosalía de Castro, a Facultade de Ciencias da Educación e a Área de Normalización Lingüística.

Un xurado nomeado pola Vicerreitoría do Campus de Ourense seleccionou os traballos pola súa calidade, orixinalidade e capacidade para visualizar as partes da obra de Rosalía menos populares. Os premios consistiron en lotes de libros, de discos e de elementos publicitarios do campus de Ourense. Os traballos seleccionados incluíronse nun audiovisual que se presentou o 24 de febreiro nas instalacións da Biblioteca Rosalía de Castro durante a celebración do Día de Rosalía e se exhibiu posteriormente na páxina web da Vicerreitoría e nas redes sociais:

 

Sober

A biblioteca celebrou o Día de Rosalía:

Ademais:

 

Betanzos

Venres 24, ás 19.00, na Aula de Cultura Xulio Cuns, no Edificio Liceo.

O Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración coa Asociación Cultura Eira Vella e coa participación do alumnado do CEIP Francisco Vales Villamarín, do IES Francisco Aguiar e mais a Asociación Cultural A Fuliada, realizou o 24 de febreiro o acto de homenaxe a Rosalía de Castro, nun acto que presentou Isabel Risco e pechou Najla Shami.

Sada

O pleno do Concello de Sada aprobou a moción de declaración do 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro. Ademais, organizou unha lectura pública:

Ribadeo

O venres día 24 ás 20.30 horas no Teatro, houbo unha lectura e a representación a continuación de Un té con Kant, a cargo de Inversa Teatro. Houbo un reparto do Manifesto da AELG polo Día de Rosalía, pola semana adiante entre o alumnado dos centros de ensino de Ribadeo e tamén ao público asistente á función teatral. Máis información, aquí.

 

Guitiriz

Información, aquí.

 

Narón

A  Concellaría de Ensino, Bibliotecas e Normalización Lingüística do Concello de Narón programou varias iniciativas para celebrar o Día de Rosalía.
Repartíronse caraveis nas librerías de Narón para agasallar as persoas que nesa data mercaran un libro en galego. Fíxose o mesmo na Biblioteca, tanto na lectura pública como ao longo do día, para as persoas que levaran en préstamo libros en galego. E, ademais:

 

A Rúa de Valdeorras

A Biblioteca Pública Municipal realizou un ano máis a lectura da obra de Rosalía, e as persoas que participaron tiveron un marcapáxinas como agasallo. Os nenos e nenas copiaron un anco dun verso de Rosalía polo reverso dunha rosa en papel, para deseguido pasar á súa lectura e posterior colocación arredor do cadro de Rosalía.

 

Escocia

Vídeo feito ao abeiro do proxecto En Escocia En Galego, un proxecto independente que recolle todas as actividades relacionadas coa cultura galega en Escocia.

 

Actividades nos centros de ensino

Estes son os centros que nos confirmaron a súa participación:

  • CEIP Albeiros (Lugo)
  • CEIP Alfredo Brañas (A Laracha)

  • CEIP Amadeo Rodríguez Barroso (Ourense)
  • CEIP Antonio Pedrosa Latas (Celeiro, Viveiro)

  

  • CEIP de Ardán (Marín)

  • CEIP de Arzúa. O EDLG  acordou, xunto co Equipo de Biblioteca e o Equipo de Actividades Complementarias e Extraescolares,  conmemorar o Día de Rosalía de Castro 2017 realizando as seguintes actividades:
    Todo o alumnado do centro pintou unha máscara de Rosalía de Castro á que lle colocaron un depresor na parte de abaixo para suxeitala. Os que quixeron sumáronse á iniciativa da AELG e fixeron unha foto cos seus maiores portando un verso rosaliano no medio. A foto foi enviada ao correo electrónico do centro para subilo á páxina web. 
    Elaboración dun cartel por aula onde se escribiu un poema de Rosalía e que foi ilustrado polo propio alumnado. Con estes carteis confeccionáronse uns móbiles para colgar xunto ao mural de Rosalía.
    Decoración do salón de actos do centro para celebrar o acto por Rosalía o  martes, 21 de febreiro. Neste acto un grupo de nenos e nenas recitou o poema que escolleu cada titoría para recordar a Rosalía. Fixéronse todos e todas unha foto coas máscaras colocadas sobre a cara e despois despediron o acto cantando xuntos “Adiós ríos, adiós fontes”.
    O xoves, 23 de febreiro foi Radio-Arzúa ao noso centro para facer un pequeno programa de radio dedicado á nosa escritora. Nel o noso alumnado contestou preguntas sobre a vida de Rosalía, reciotou os poemas escollidos por cada titoría e rematou coa canción de “Adiós ríos, adiós fontes”.
    Realización dun mural de Rosalía que se colocou na entrada do colexio e duns móbiles con poemas da escritora galega. Todo este traballo pode verse aquí.
  • CEIP Barrantes (Tomiño)
  • CEIP de Calo (Teo). A ANPA A Rabadela propuxo un Entroido Rosaliano:

  • CEIP A Carballeira (Lourizán-Pontevedra). Aquí e aquí, mostras do traballo feito.
  • CEIP Carlos Casares (Nigrán)

  • CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia)
  • CEIP Os Casais (Maniños-Fene). Este é o froito da Biblioteca escolar Paula Carballeira e do centro:
  • CEIP Celso Currás (Trabada)
  • CEIP de Cespón (Boiro)
  • CEIP de Conmeniño (O Grove)

  • CEIP Curros Enríquez (A Coruña). Nesta ligazón pódese ver todo o traballo desenvolto.
  • CEIP Eduardo Pondal (Vigo).

  • CEIP Plurilingüe A Fraga (As Pontes)

  • CEIP Plurilingüe de Frións (Ribeira)

  • CEIP Plurilingüe da Igrexa (Chapela-Redondela). Elaboración de máscaras de Rosalía de Castro e posterior sesión fotográfica nun photocall feito polo alumnado de infantil de 3 anos. Traballo de pequenos versos de Rosalía de Castro relacionados co mar. Aprendizaxe da canción "No bico un cantar" por parte de todo o alumnado de primaria e posteriormente cantarana en conxunto todo o alumnado.
  • CEIP Josefa Alonso de Alonso (Vigo). No blog de Biblioteca e Normalización pode verse unha descrición das actividades realizadas.
  • CEIP Manuel Mato Vizoso (Vilalba)
  • CEIP As Mercedes (Ourense)
  • CEIP Plurilingüe Monte dos Postes (Santiago de Compostela). Alén doutras actividades, o día 24 todo o colexio cantou no festival de Entroido "Adios ríos, adios fontes".
  • CEIP Montemogos (Bueu). O día 17, acto onde os Voluntarios Lectores leron a todos os compañeiros e compañeiras o poema "Has de cantar meniña gaiteira"; a continuación cantouse. Fixeron unha máscara veneciana de Rosalía. Aproveitaron o proxecto 3, 2, 1, poemas para implicar as familias no Día de Rosalía de Castro. As fotografías cos versos (que vai ler o alumnado), fixéronse pola contorna, a personas maiores, preguntando e informando sobre Rosalía:

          No muro de Facebook do centro, este vídeo de apoio a que o aeroporto de Santiago se chame Rosalía de Castro.

  • CEIP Mosteiro de Caaveiro (A Capela)

  • CEIP de Ombre (Pontedeume). Alén das actividades propostas, agasallaron a amizades e familiares un libro en galego, un libro escrito e ilustrado e impreso pola comunidade educativa. O venres 24, cadrando co Entroido a comunidade educativa saiu pola aldea de Ombre facendo un percorrido polas casas e cantando a canción que prepararon no centro (arranxos: Alberto Amigo, Luis Antonio Blanco Rey, Pablo Ramos e Isabel García).
  •  CEIP Párroco don Camilo (Vigo) . No programa de actividades participou o claustro de xeito conxunto, tanto baixo o lema #Rosaliate como traballando diversas actividades nas aulas e nos ciclos organizadas de xeito coordinado entre o equipo de dinamización da lingua galega en colaboración co de biblioteca. Fixeron a festa de Rosalía cunha xuntanza musicalizada polas familias onde todos os nenos do centro fixeron un "Maratón Rosaliano" no patio do colexio. O traballo arredor de Rosalía estendeuse desde semanas previas até o día 23. Pódense seguir todos os traballos realizados nos blogues de normalización e da biblioteca.
  • CEIP A Ponte (Lugo)

  • CEIP Ponte dos Brozos (Arteixo)
  • CEIP Princesa de España (Verín). Do 20 ao 22 de febreiro desenvolveron varias actividades: en Infantil, "Lendo entre todos", iniciativa na que o alumnado de 5º e 6º de E. P.  leron poemas coñecidos ás compañeiras e compañeiros mais cativos do centro; alén de facer unha exposición tipo Andy Warhol coa imaxe de Rosalía. En Primaria houbo lecturas sobre a vida de Rosalía, poemas.... contestando preguntas de carácter comprensivo e de investigación sobre a Autora. Todo o alumnado de Primaria fixo un marcapáxinas cun poema por detrás. O alumnado de 4º, 5º e 6º encargouse de elaborar caligramas con poemas de Rosalía e un mural, e o de 6º gravou a canción "Negra Sombra".
  • CEIP Plurilingüe Profesor Albino Núñez (Ourense). Na páxina da biblioteca do centro móstrase a realización da actividade proposta para o alumnado de primaria e fotos da mesma.
  • CEIP Ramón Cabanillas (Santiago de Compostela). Elaboración ducha máscara de Rosalía que o alumnado de infantil levará ás súas casas e con ela posta recitaron na casa uns versos de "Cantares Galegos" aprendidos na aula.
    O alumnado de primaria traballou a bibliografía de Rosalía e algúns dos seus versos e realizou un avión de papel que levara á súa casa en sinal de apoio a proposta do Concello de Santiago do cambio do nome do aeroporto de Santiago por Aeroporto Rosalía de Castro.
  • CEIP de Randufe (Tui)
  • CEIP de Rebordáns (Tui)

  • CEIP Rosalía de Castro (O Grove)
  • CEIP Rosalía de Castro, Carril (Vilagarcía de Arousa). 

 

Ademais, este Ramalliño de Rosalías.

  • CEIP Rosalía de Castro (Lugo). No blog da biblioteca do centro poden verse máis fotos.

  • CEIP Saco e Arce (Toén). Este é o resumo das actividades feitas no centro, publicado no blogue da biblioteca.

  • CEIP Santa María (As Pontes). Dispuxeron un photocall no que toda a comunidade educativa se converteu en Rosalía por un día. E na Hora de Ler diaria, audición de poemas da autora, con especial atención a "Adiós ríos, adiós fontes".

  • CEIP O Salvador (A Pastoriza)
  • CEIP San Clemente (Caldas de Reis)

  • CEIP San Miguel de Reinante (Barreiros). Este é o programa de actividades realizadas.
  • CEIP Seara (Moaña). O alumnado traballou nunha máscara de Rosalía, e escribiu nun folio decorado un verso de Rosalía.

  • CEIP O Sello, Cabral (Vigo). Alén da elaboración da máscara de Rosalía cun poema escrito como agasallo rosaliano, deron lectura do manifesto da escritora Ledicia Costas e mais "Conxelámonos" (alumnado de cada curso, dende E.I. ata 6º de E.P., recitou o poema "Negra sombra", mentres o resto do alumnado e do profesorado permaneceron inmóviles. Tamén musicaron a Rosalía: 2 membros do claustro fixeron a súa particular versión de "Negra sombra":

Finalmente, photocall cos/coas maiores:

  • CEIP de Silleda
  • CEIP Sobreira Valadares (Vigo). Alumnado, profesorado e outro personal do Centro compartiron o visionado da vida e obra de Rosalía, traballaron a musicalización dos seus poemas por parte de Uxía e polos Quempallou, fixeron fotos (coas que construír un mosaico co retrato de Rosalía de Castro) e agasallaron a todos e todas cun caravel e un libro en galego; tamén levaron para a casa cadansúa careta e viñeta cunha estrofa para faceren máis fotos. Toda as fotos e información, aquí.
  • CEIP Souto-Donas (Gondomar)

  • CEIP Os Tilos (Teo)
  • CEIP da Torre Cela (Bueu)

  • CEIP Vales Villamarín (Betanzos). No Blogue do Equipo de Dinamización da Lingua Galega pódense ver aquí e e aquí as actividades para conmemorar o Día de Rosalía 2017.
  • CEIP O Vicedo
  • CEIP Víctor Sáenz (Mazaricos). No blog da Biblioteca poden verse crónicas da celebración, aquí e aquí. E fotos das actividades, aquí.
  • CEIP Plurilingüe Virxe do Mar (Narón)
  • CEP Carlos Casares (Alxén, Salvaterra de Miño)

  • Colexio Compañía de María (Santiago de Compostela). Nesta ligazón pode verse o traballo desenvolvido polo centro.
  • Colexio Jaime Balmes (Noia)
  • Colexio María Auxiliadora (Vigo)
  • Colexio Plurilingue María Inmaculada (Silleda). En 1º e 2º de E.P., baixo o lema "Miña nai Rosalía", editaron un vídeo onde o alumnado lerá, acompañado das súas nais, estrofas alternas de poemas da autora; en 3º, 4º, 5º e 6º de E.P., baixo o lema "Nada máis doce ca Rosalía", os alumnos envolveron en forma de caramelo poemas da autora que posteriormente depositaron en caixas nalgúns establecementos da vila de Silleda, para agasallar a veciñanza cun poema na semana do 20 ao 24 de febreiro. 1º, 2º, 3º, 4º de ESO e 1º de bacharelato, baixo o lema "Eu Rosalío... e ti?" realizaron un mannequin challenge.

  • Colexio Sagrada Familia de Aldán (Pontevedra)

  • Colexio Vilas Alborada (Santiago de Compostela)
  • CPI Antonio Orza Couto (Boqueixón). Tanto en Educación Infantil e Primaria como en Secundaria, o centro sumouse ás actividades propostas para o día 17 de febreiro. Ademais, para o día 24 todo o centro caracterizouse de "Rosalías e Murguías".

   

  • CPI Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis)
  • CPI Cabo da Area (Laxe)

  • CPI As Mirandas (Ares)
  • CPI As Revoltas (Cabana de Bergantiños)

E as actividades en Primaria poden verse aquí e aquí.

  • CPI Virxe da Cela (Monfero)
  • CPR Cardenal Cisneros (Ourense). Velaquí a información sobre as actividades.

 

  • CPR Plurilingüe Don Bosco (Vigo). Etapa de Infantil: os nenos-as fixeron unha máscara de Rosalía de Castro, levárona para a casa con un verso rosaliano e sacaron fotos cos seus/súas maiores, ou senón cos pais/nais. Esa foto mandárona ao cole en formato dixital. Etapa de primaria: o alumnado de 6º de EP o día 23 acudiu a unha homenaxe diante do concello xunto con outros colexios de Vigo. Ademais na materia de galego varios cursos escribiron o poema "Adiós ríos, Adios fontes" e fixeron un debuxo de cada verso. Por outra banda tamén levaron un verso rosaliano para a casa e sacaron unha foto cos maiores/pais para a mandar ao colexio. A idea é que con esas fotos poideran facer un vídeo dos dous poema utilizados: "Adios ríos, adiós fontes" "Airiños", que se proxectou o día 24 antes da celebración do Entroido. Máis información, aquí e aquí.

 

  • CPR Jorge Juan (Narón)
  • CPR Padre Feijoo Zorelle (Ourense)
 
  • CPR Plurilingüe La Merced (Sarria). Fotos e vídeos no Facebook do centro.

  

  • Escola Oficial de Idiomas de Lugo. Vexa aquí o cartel que anunciaba o mannequin challenge promovido polo EDL e a Biblioteca do centro.

  • EEI Barrionovo (Pastoriza-Arteixo). Elaboraron un vídeo coas fotografias das familias. En cada unha das aulas decorouse dixitalmente unha imaxe de Rosalia, empregando os programas Prisma e Paint Art, para faceren as máscaras do alumnado. Convocaron un pousadoiro no que cada un se fotografaba coa sua familia, e con elas elaboraron o video. Pódese ver todo o traballo aquí.
  • EEI do Cruceiro, do CRA de Rianxo
  • Escola Rosalía de Castro (Vigo)
  • IES Aquis Celenis (Caldas de Reis)
  • IES Antón Losada Diéguez (A Estrada)

Máis información, aquí.

  • IES de Arzúa
  • IES do Camiño (Palas de Rei). Levaron os poemas de Rosalía fóra das aulas e fomos recitalos ao Centro de Saúde, a unha cafetaría e polas rúas da vila. Pódense ver os vídeos na canle de Facebook do centro, aquí e aquí. Todo o alumnado do centro agasallou poemas de Rosalía á veciñanza, elaborando un díptico con dedicatorias personalizadas a algunha persoa importante para a alumna/o: podía ser un familiar, un amigo, un veciño/a da aldea..., coma este:

  • IES Campo de San Alberto (Noia)
  • IES Carlos Casares (Vigo). Mannequin Challenge con título "Rosaliándonos", no que se realizou unha representación de todas obras da escritora:
  • IES O Couto (Ourense)
  • IES de Curtis
  • IES Enrique Muruais (A Pontenova)

  • IES Fonmiñá (A Pastoriza). O ENLD preparou este Mannequin challenge co alumnado de 1º de ESO, que recrea parte do poema "Pra a Habana!" de Rosalía de Castro.

  • IES de Foz

  • IES Illa de Ons (Bueu)
  • IES Miraflores (Oleiros) 
  • IES Nº 1 (O Carballiño)

 

  • IES Nº 1 (Ribeira)
  • IES de Pastoriza (Arteixo)
  • IES Ramón Otero Pedrayo (A Coruña). A seguir, o mannequin challenge e o o seu trailer:
  
  • IES Salvaterra de Miño
  • IES A Sardiñeira (A Coruña). O Equipo de Biblioteca desenvolveu a actividade "Dálle voz a Rosalía". Máis información, aquí.
  • IES Terra de Trasancos (Narón). Velaquí o seu proxecto para o mannequin challenge.
  • IES Xelmírez 2 (Santiago de Compostela)
  • IES Xograr Afonso Gómez (Sarria)

 

E aquí, máis información sobre o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino.

 

Estas foron as actividades propostas pola AELG para os centros de ensino

Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo. Por iso, para expandir o poder da súa palabra entre a xente nova, a AELG convida a  celebrar o Día de Rosalía de Castro nos centros de ensino con estas accións colectivas de difusión da súa obra:


Educación Secundaria e Bacharelato

Propoñemos para o venres 17 de febreiro a gravación no centro dun Mannequin Challenge. Respondendo ao lema desta iniciativa (#RosalíaTe), propoñemos que o alumnado interaccione visualmente coa obra ou a figura de Rosalía (de modo, por exemplo, que no vídeo resultante se poidan ler versos completos de Rosalía de Castro, ou que se poidan intuír artisticamente os contidos da súa obra…). 
Estes vídeos serían subidos polo centro á rede, antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #RosalíaTe

 

Educación Infantil e Primaria

Para estas etapas de ensino o lema da proposta #RosalíaTe pode desenvolverse a través de actividades que permitan a cada alumna ou alumno converterse na Rosalía de Castro da que se sinta máis próxima/o. Para isto, despois de facer un repaso da figura literaria da Autora,  e dalgunhas lecturas que dean conta da pluralidade significativa das súa obra,  propoñemos para o venres 17 de febreiro que cada alumna/o elabore unha máscara de Rosalía de Castro. Esta “transformación” tamén pode conseguirse cun traballo de caracterización física da cara.
Esta iniciativa pretende, ademais, que unha vez feito este traballo, o alumnado o comparta coa súa familia e, particularmente, cos seus maiores (sexan familiares, veciñas e veciños…). Para isto faríanse fotos do alumnado caracterizado de Rosalía acompañado das súas persoas maiores, portando entre ambos un pequeno cartel cun verso rosaliano da escolla da alumna ou alumno.
A documentación gráfica sería subida á rede polo centro de ensino antes do 24 de febreiro, coa etiqueta #RosalíaTe

Desde a AELG, convidamos á comunidade educativa a que se implique de forma activa nesta festa que celebra o nome e a obra da poeta maior de Galicia, chave mestra da nosa literatura e da nosa conciencia como pobo.

Agradecemos que nos comuniquedes (oficina@aelg.org) a vosa intención de participar desta iniciativa, para a facer constar na nosa web e colaborarmos así na súa difusión. Tamén, e co mesmo obxectivo, podedes achegarnos noticia doutras actividades que organicedes, así como toda aquela documentación (gráfica, audiovisual...) que derive da realización do Día de Rosalía no voso centro.

 

#RosalíaTe. O Día de Rosalía de Castro nas redes sociais

 

 
Moción proposta pola AELG para ser aprobada polos plenos dos concellos do país

Desde 2011 a AELG vén solicitando aos concellos que declaren o 24 de febreiro como Día de Rosalía de Castro, e así o fixeron:

Allariz, Ames, Baiona, Bueu, Burela, Betanzos, Carballo, Carnota, Cedeira, Cee, Cerceda, Chantada, A Coruña, Entrimo, A Estrada, Fisterra, Foz, A Guarda, Lalín, Lobeira, Melide, Miño, Muros, Narón, Ourense, Padrón, A Pobra do Brollón, Poio, Ponteareas, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Rois, O Rosal, A Rúa de Valdeorras, Sada, San Sadurniño, Santa Comba, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Tui, Valdoviño, Vigo, Vilasantar e Xermade.

Sumándose tamén as Deputacións da Coruña e Lugo.

A AELG seguirá a facer chegar aos plenos unha moción neste sentido solicitándolles que recollan esta celebración nas súas programacións culturais.

 

A empresa Imprime3de creou e puxo á venda un marcapáxinas co lema proposto pola AELG. Pódese encargar aquí.