A AELG entrega á filla de Ana Luísa Amaral o premio á Escritora Galega Universal
22/2/2024
Foto da novidade

En xaneiro deste ano Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, fixo entrega do Premio Escritora Galega Universal 2022 a Rita Amaral Ribeiro, filla de Ana Luisa Amaral, na súa residencia en Porto.

Ana Luísa acompañáranos coa súa palabra poética na Gala dos Premios Follas Novas dese ano, dado que non puidera facelo presencialmente.

En palabras de Marta Dacosta, quen ía facer a laudatio: "Amaral era a poeta que contraria a tradición, a que reinterpretou e volveu falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contrariou e ironizou. Nos seus poemas Penélope négase a Ulises e Medea decide ficar no palacio. Lemos os seus poemas como espellos en que a palabra ocupa o lugar exacto, transparente, simbólico, traslada sentimentos, constrúe un mundo propio sen artificios innecesarios. Espida, densa, directa."