Do 1 de xaneiro de 2022 ao 31 de decembro de 2022

A Asemblea Xeral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega ratificou Ana Luísa Amaral como Escritora Galega Universal en 2022, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra.

En palabras de Marta Dacosta, quen fará a laudatio: "Amaral é a poeta que contraria a tradición, a que reinterpreta e volve falar dos mitos, das personaxes, das figuras prototípicas. Contraría e ironiza. Nos seus poemas Penélope négase a Ulises e Medea decide ficar no palacio. Lemos os seus poemas como espellos en que a palabra ocupa o lugar exacto, transparente, simbólico, traslada sentimentos, constrúe un mundo propio sen artificios innecesarios. Espida, densa, directa."

Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer, Hélia Correia, Isabel-Clara Simó, María Teresa Horta, Mariasun Landa e José Luandino Vieira.

 

(Fotografía: Wikipedia).