Breviario das calamidades, Xulio Valcárcel
Cos premios Carvallo Calero e Cidade da Coruña de Narrativa Fantástica -independentemente do creto que lle outorguemos aos premios- Xosé Luís Martínez Pereiro é un autor emerxente no contexto xeral da narrativa galega última. Os relatos que compoñen este “Breviario de calamidades”, nove en total, parten dun distante realismo de corte expresionista para rematar sendo unha recreación do improbable, do excepcional ou raro.
Persoaxes extravagantes (o malpocado Crisanto, o Crego don Xenaro, o espiritista Amaro Moinelo, a atractiva Nicasia…), sorpréndennos cos seus feitos e cos seus comportamentos. Unha sorpresa que non se dirixe ao misterio ou á intriga, senón ao xogo inxenioso, á extensión humorística, predominante no libro. O insólito, o anormal, responde por tanto a unha intención lúdica.
NARRADOR DISTANTE
Nese campo o narrador móvese con soltura e autoridade, tomando unha displicente distancia, situándose á marxe sen involucrarse directamente con xuizos ou comentarios. Temos a sensación de que sempre está por enriba do narrado, dirixindo, xogando, controlando, sexa desde a terceira persoa, sexa como narrador/testemuña ou mesmo como narrador/protagonista. Os relatos de Pereiro teñen unha evidente lectura: sátira de determinados valores burgueses e estereotipados das condutas sociais aceptadas que o autor coñece moi ben e describe con chispa. O seu traballo parece concebido desde dentro, refire situacións psicológicas máis que actividades externas. Por evidentes, non imos insistir nestes aspectos.
Para nós a clave do libro está en que Pereiro parte e se centra fundamentalmente na propia linguaxe, o seu traballo consiste en xogos de palabras (homónimas, homófobas, homofónicas, xogos paranomásicos, sinónimos/antónimos, enumeracións…), o que provoca textos dunha exhuberancia cómica e disparatada, choqueira.
Traballa Martínez Pereiro coas segundas intencións, co oculto tras do aparente, buscando e encontrando a complicidade do lector ao propoñer palabras próximas foneticamente que abren novas perspectivas significantes, ao referenciar doutrinas de autoridade en citas eruditas de libros antigos, reais ou inventados, verdadeiros ou apócrifos, método utilizado tantas veces por diversos autores pero que Pereiro sabe traer coa agudeza da novidade e que xa lle dera moi bos froitos en libros anteriores (“As irmás bastardas da ciencia”, por exemplo).
O libro de Martínez Pereiro é un inxenioso e marabilloso xogo verbal no que importa máis “como” se conta que o “que” se conta.
O relato está en función do inxenio e da comicidade, que é o obxectivo e fin perseguido. O perigo podería estar en que o texto ficase en mera pirotecnia verbal, nun brillante exercicio formal sen contido, en definitiva, en confundir os medios cós fins.
Pero non é o caso, Martínez Pereiro busca entreter e divertir desde a intelixencia e a complicidade, sen moralismos, cunha visión tolerante e indulxente de quen está de volta de dogmas e de proclamas; busca, en suma, a función balsámica -que non é pouco- da literatura, e consígueo plenamente ao longo destes relatos que manteñen en todo momento un grande nivel e confirman as expectativas de libros anteriores.
Páxina literaria de El Ideal Gallego, 30 de Xaneiro do 2000.
Reseña a Breviario de calamidades, Espiral Maior, A Coruña, 1999.