Centro de Documentación da AELG
Cambados vai comigo
17 de maio de 2006
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Diario de Pontevedra

     Cando eu decidira mudar a muiñada da miña vida para as novas xeiras da creación e aprendizaxes entrei na praza da concordia da memoria e da pedra que de sempre é Fefiñáns. Era outono do 1995 na paisaxe e na porta do IES Ramón Cabanillas, agardando de mañá, estaban dous mozos de Galiza con dúas libras de pan e de palabras para que eu ollase ao lonxe aquela espera que la ser de ledicia e compromisos. Moncho Caride e Lois Magariños abrían entón os brazos para que alguén que viña das moitas recaladas e derrotas tomase confianza nesta dorna de vogar a Arousa e o mundo na maré da ensoñación e a sempre Lingua. Era así a anunciación das fertilidades.
Renacía a esperanza. Amigas e amigos, compañeiros e alumnos do Instituto andaban en medras de me facer máis e máis feliz nas viaxatas de arrieiro das Tres Grandes Rías Baixas, de ida e volta no diario. Todos os nomes están e van comigo na mellor memoria dos afectos, que arestora, día 17 de maio 2007, recollo en abundancias na celebracíón das Nosas Letras. E nesta data,que soño en Obra e Festa permanente, de aló cando a primeira vez da súa pousa en mar e terra, cúmprense hoxe corenta e catro anos, andaba eu de realidade e soño xornalístico de correspondente nun programa de RNE, que se emitía a diario, de media mañá desde Madrid: "La España que trabaja". As voces de Manoli Campo e de Rolando Gómez de Helena espandían pola península e as Illas as crónicas dos ouvintes que soñaban para o seu lugar das raíces cen foguetes de estralos e artificio. Eu escribía e escoitaba a radio aquela na xastrería do meu pai cando os días sempre eran cativos e a noite longa en pesadelos. A primeira carta dos agradecidos chegaba desde Cambados, no lombo dunha postal da Praza de Fefiñáns, e traía consigo un bico grande en letra xenerosa de muller, que está nesta memoria e soño que aínda viva. 0llade pois que a maxia deste espazo vén de lonxe nos anos.
     Velaí que nesta mañá de sol, en romaría que nos cómpre retomar en uso permanente do galego, en beneficio da nosa identidade, na estimación do orgullo sen renuncias e a prol das sucesivas aprendizaxes da cultura universal, que nos estima, quero agradecer esta nombradía na voz e na palabra dos libreiros que amosan o seu cariño ao pé da "nao senlleira" que é o noso idioma, fertilizado e navegábel nas herdanzas, co leme e os aparellos a bordo, e o petate e o changüí das recaladas nesta Casa de Noso, nesta mañá de volta do mar, cos ollos da ledicia e os brazos abertos da muller que ama, palabrea, entrega e aloumiña a voz da estirpe nesa Poesía de trovar que o mundo recoñece nas estimas.
     En Cambados foi unha das miñas singraduras máis voraces de cariño e de amizades, de obra feíta, ensoñación cumprida: Quero deixar aquí en hora de luz e testemuñas o meu agradecemento, que xa pronuncio sempre que podo cando as megafonías son chegadas e para que o mundo grande e pequeniño saiba da miña admiración. Dicir os nomes sería un risco de esquencer por acaso un. Quérovos a todas, todos, nais, pais, compañeiros, alumnas,alumnos, amigas, amigos, arrieiros dos soños coma min, que andamos sempre na loucura do amor, dos sempre libros. E dicir Xoaquina e Luis Antonio, que xa non están para nos ver nas outonías de cartaz de Fefiñáns, en Santa Mariña Dozo, en San Tomé, en Tragobe...senón na memoria das vosas biografías de colores e sorrisos. Un bico grande e as apertas de buxo sempre.