SEÑOR DO ENCANTO
Nos últimos tempos médranme as máis duras despedidas. Arestora a de Xosé Santos Rodríguez: oitenta e oito febreiros de mimosas para o meu encanto coas biografías que nos dan axuda e compromiso. Non máis obituarios, por favor. Abonda xa.
Eu chegaba na solpor desde a aldea nutricia e labrega de Quian e dixéranme os amigos que te foras de ida e volta polo mar e por un tempo, lonxe da Casa. Era venres e a noticia anoa o peito das mensaxes, cega a gorxa. Van dar as once da noite e axiña amence sábado; todo voa coma ti, miña andoriña e arao de versos. Non vou coller o sono axiña e dareiche a leria coma sempre, coma en antes e despois de te saber Poeta Popular do mundo, máis alá dos con-sagrados. E falaremos de nosoutros, da historia pequeniña de cadaquén, nese tute ou subhastado que é a vida. Presencia e soño. E Cangas: a túa nao, onde fabricas todas as metáforas e medras Poesía, Teatro e Amistade para ires silandeiro cabo dos que sempre esperan mar e peixe e un bocadiño desa man de ofertas que se abre en aloumiño e quenta na mornura e dá fianzas, sabe a pan e zucre, viste os ollos de cereixas, albisca os arroaces; e todo medra cara outro mencer, namentras a noite anaina.
Viñeron tarde as telefonías dos amigos que mandaran recado desta túa outra marea. Non cheguei ao barco, porén chego a ti, que vas na ponte, cos ollos verdeazuis e lixeiriño de sempre, tal soñabas. Meu amigho ghrande. Andei contigo hai uns poucos días na procura, cando tiven que escolmar os artigos da alma para a miña páxina na web da AELG (www.aelg.org): alí estás; “Gardádeme un sitio” é o título que escribira desde hai anos, cando celebrabamos a magnitude da pedra do mar que ti honras no corredor marítimo de Cangas, chantada coma un buxo de granito sobre a sombra do que fora o espacio da entrega do río Bouzós na Ría das túas recaladas e solagos do diario: a praia de benidorm, acordas?. Hoxe, e para sempre, é nominado o teu espazo para as idades da memoria. Pois aquí, nesta parafita, estarei de certo, é unha promesa en firme, neste vindeiro día-noite de San Xosé, o teu-meu señor onomástico de marzo, cando os Amigos/as das voces mariñeiras que de sempre son de teu, canten a coro as tantas ledicias e venturas de cada vez, de cada ano: as Cantigas de xoldra para Pepe Poeta. Encantenón descansa e faille a entrega dun bico grande de noso a Rosalía, Castelao, Cunqueiro, Castroviejo, Cribeiro, Tovar, Serafín, Cecilio, Pepita, Carme...se é que os “miras” e que van de cando en vez polo “aterrado” das Palabras.