LUIS RODAL MOLANES
Tiña 36 anos e era un fillo do mar de Cangas. Arestora aínda habita no profundo dos catrocentos metros, aló no mar de Namibia onde seica hai a galanura das augas a quen sabe namoralas día e noite, “larghando cabos e aparellos” para que o barco medre e vir despois “sellado” á base de Pescanova. Así é o oficio de tantos meses: auga do salgado e ausencia.
Porén o día oito de novembro 2006, o “M.F.Díaz” acendía todo el en labarada e pouco despois tocaba o fondo do caladoiro africano. Non vai só o barco nesta derradeira singradura, leva consigo no ventre a xuventude de tres mariñeiros sen rescate, corpos que esperan, aínda hoxe cando escribo esta denuncia para que os amos atendan: 18 de xaneiro 2007. Cangas, Pontedeume, África, non esquencen que hai unha obriga con eles, non sei se tanto de Lei, pero si de honestidade e compromiso: hanse procurar os corpos dos traballadores xa, para a súa entrega ás familias e aos amigos/as. Sempre era así, aínda cando no imposíbel; alomenos pelexábase contra as furias dos océanos bravichos e cos abismos na procura dos náufragos; había espera e labor ao pé do círculo do infortunio. ¿E neste novo século, de tanta mar tisnada e carreiriñas a bordo dos altos edificios, que? Desespera a nai Xosefa e o esposo, toda a familia de Luis desde a parroquia de Coiro; e bradan, fan saber ás autoritas que o dono do barco pouco ou nada di nin fai, e que esta nugalla consentida - ¿a quen doen os desaparecidos cando se nubra e para o reloxio das solidariedades ? - conleva o efecto do “xa pasará”.
“Perdín moito máis ca un fillo”, pronuncia Xosefa por enriba das bágoas e dos medos. “¿Era o noso irmau un cidadán de segunda, sen dereitos, para que a súa familia o enterre onde el vivía? ¡Non morreu ningún can, é o meu irmau!”, declara Xosé diante de Cristina, a xornalista.
Velaí as corresponsabilidades: “Toda a nación debe saber a nosa dor”; decide a nai polas megafonías desde o patín do mar de Cangas e de Vigo, lugar de seu, de noso; máis que de Pescanova, da Xunta, do Estado, do Mundo, máis. Porén o armador, ou armadores do “M.F.Díaz” estana armando de urxencia noutros mares de a carón da Casa, índose de Galiza na procura dos espacios que aquí seica non hai nin deixan preferentes para eles, por mor da defensa do Patrimonio Natural, a “Rede Natura” que está tamén nos caladoiros de por vida. Mais non deserten, non poderán, nesta angueira das piscifactorías negociadas, das súas primeiras obrigas de nos dar axiña os corpos de Luis e dos outros dous compañeiros do naufraxo: en Terra estamos e nela seguimos. “Fomos ficando sós / o Mar o barco e máis nós” ( Manuel Antonio )