Centro de Documentación da AELG
Ton van Vliet
19 de xaneiro de 2007
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: Faro de Vigo, La Voz de Galicia

Ton van Vliet


 Tal é o nome do noso benquerido Amigo de Galiza, namorado do profundo das nosas xentes e a paisaxe: ollo que emerxe para nos fotografar no auténtico, esa Historia que nos conforma e dá singularidade nos entornos do mundo, nos diversos paraísos das imaxes trascendentes. E nós non sabemos, aínda non sabemos. Tiveron que se achegar así, ao chou, desde a Europa máis culta e progresista, Tom e o seu amigo Jeroen, na procura dos pálpitos dunha xeografía distinta: gándaras que recollen das maus labregas a tradición e recrean nas aldeas os ancestros e as metáforas da vida. Vai cara aos trinta anos da aparición do artista holandés ao carón do Arnego, na Ponte Vilariño: alma e corpo en acougo para as descubertas, os achádegos dunha luz que acende, ilumina. E vai o artista de Terborg de viaxes e arredores aos convivios cos protagonistas: terra-muller-home – a triloxía dos engarces que el retrata. Pois que está de volta nesta atmosfera do interior, agora en tempo de espidos na paisaxe e coas tantas ausencias dos labregos/as que deron cabo ás despedidas, e xa non están de feito, pero si de memoria e arte nas imaxes que percorren o mundo.
 Bico da Balouta, gaiteiros, xente para a xoldra solidaria, e a “Fundación Deza” traen esta Mostra Fotográfica a Agolada e Melide (coa galanura irmandiña da “Asociación Cultural Terra de Melide”): días 19-20-21, que se fan escasos, mínimos para o que hai que ver e recibir de afecto, de cultura da imaxe, de antropoloxía. Un Convivio demorado, que pode ficar para outro tempo urxente, alá cando os Pendellos sexan revestidos de orgullo, en valor positivo, a recibiren mostras e visitacións das xentes progresistas: ese soño irrenunciábel da Asociación dos Amigos. Encantenón, viaxen este venres ata Agolada (exposición, proxección e conversa-homenaxe, na Sala de Terceira Idade); ou o sábado en Melide (Capela do Santo Antón). Son referentes de nós mesmos, datas a non desaproveitar: aquí estamos, proseguimos na andaina identitaria. E regresa Ton van Vliet para nos ver, nun século despois, un tanto máis felices e cumpridos. Que el nolo diga. Apertas de buxo sempre, noso amigo.