Velaí vén, fregués de Requeixo, o das brancas barbas e guedellas, o ben tallado. Velaí vai consigo o corpo da montaña en arrecendo a agosto ú as aves cantan o abrente e o solpor dos paraísos. Velaí Xohán que encara a encosta do Faro enriba dos pés de liño espidos de calzo e alza para que Santa María atenda e veña amigo de lonxe e se cedo veer, mía madre, direille eu entón a coita, como vós me haxades. Velaí está o troveiro dos cumes, o Alto Corpo que se olla de lonxe en desafío á nevarada e á calor. Ú vai con ela Amiga en soño, súa Senhor de Camba, e fita a outra curota irmá que fica preto: Farelo lle din, peito de granito, testa espida e solitaria. Velaí as parafitas tres na función da música: tubas, canas, cordas de ventre que arpan o vento do segrel. Velaí os ollos do Amigo que se inundan de luz para que espelle a Amada no sagrado do Faro e dance Minha Senhor sen medo. Só avisarche, Xohán, que non temas destas tarabelas que din muíños: son designio necio do progreso, que veer hedes nas alturas da Terra Resistente: moven o vento. Pola túa / nosa sorte eu quero / nós queremos que sexas sempre Aquí o corpo e a voz do Luminoso de Requeixo. Consinte esta homenaxe e danza con nosoutros na mañá do sol que entra permanente nos couselos.