Centro de Documentación da AELG
Os do si, señorsí
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A Nosa Terra

     A guerra vai incendiando o paraíso. Agora sei que o Tigris camiña a pé e o Eufrates axuda na viaxe. E Karbala, Najab, Nasiriya, Basora, Um Qsar...existen. E as camellas preñadas dan escolta ao carricoche dos milicos de Bush-Bleer-Jmaz. O ollo do fotógrafo Stephen Hird recolle os corpos de dous iraquís nun foxo, coa bandeira branca nas maus. Corpos, fendas, carne de saco e de avión. E nosoutros, que case somos nós, que case somos todos, indo polas rúas e as prazas coma escudos contra o odio, a chulería, o desprezo deses 183 rudes que adulan ao seu amo de acó, o do beizo inmóbile, señor presidente que ningunea as voces  da cultura, da ciencia, do progreso... Vexo pola TV allea, o estacazo baldreu da policia contra unha muller xove que nada ofende, que só grita NON Á GUERRA nas rúas de Madrid, capital onde o Jmaz non dorme sono tranquilo, onde aniña rancor e subministros, sela discrepancias, bota cabos de tolemia e gargallea a súa farsa de monicreques. ( Pobre España ! E Galiza vai co nome de Abarco humanitario nas orellas da proa, no ventre da popa, en auxilo dos gholfos. ) Por que tamén aquí Galiza, Jmaz ? ( Díganolo xa !. Os 183 tampouco acougan: anda con eles a sombra dos corpos estragados nas choupanas de Entrerríos ( Mesopotamia, repitan comigo: Me-so-po-ta-mia, así moi ben, outra vez ), a piolla no cu, coma un arreguizo de Buhs fino, que se adentra e sobe e medra a cocedura das balas e dos mísiles, os alaridos das nais, os ollos negros da infancia de Iraq, Bagdad que espera. E o tirano Sadán berrándolles na orella dereita: por que, irmaus, por que tanto a min, de segunda vez, eu que gardo no cofre do pazo a medalla de Isabel la Católica, o encanto do voso  caudillo Francisco, os mandados e os protocolos do  tal J.M.Aznar... ?. Os 183 encascados de su señor rezan en silencio co confrade e costaleiro Trillo, sacan os capirotes ao sol e os trapos negros da adoración. Mercan na sacristía do templo a suma das andias e marchan afoutes, para levaren o peso dos cravos e o sangue de Cristo na crus.