Hai uns tantos anos que non o vexo. Moitos menos que escoitei a súa voz polo teléfono. Chamábame para escusar a súa presencia nun acto literario, aló nas Pontes, na memoria de Uxío Novoneyra. Sempre Tovar. Ten as palabras da tribo, amorosiñas, e un recólleas coma un pálpito, pondo a mau de colo ou niño de paxaro. Non é doado ter un amigo así, de tantos anos na recalada . Coñecino en Compostela, con Tucha. Lemos xuntos uns versos en Santo Domingos de Bonaval, era polos anos setenta. Eu agradecinlle sempre a súa sombra de carballa naquel claustro, temperando dos hendecasílabos brancos, onde todo é respecto e dignidade. A Vai ti A - cedeume o sitio. E fun, sereo, na andadura dun poema que aínda gardo. Vive en Ourense, a urbe que soñou unha Acrópolis, porque era Atenas. Con el contei todos os banzos que levan ao seu cuarto da casa número trece, na rúa Pena Trevinca. Moitos banzos eran xa daquela para o Poeta, que sorría na escalada. Na porta do andar, a Tucha, o seu amor de grande alcance. Pasamos dentro. Sentou Antón e acordaron os libros da súa cámara de soño. Lembro a pintura de Pesqueira, un chisco caída sobre o ombro, e o arrecendo a casa de mel e de farturas. Tucha tróuxonos as copas para o brindes; e con ela viña a cadeliña alegre de xoguete e encanto. Rimos. Conversamos. Tirou da carteira e deume tantos libros como quixen e eu non tiña seus. Hoxe son un patrimonio de orgullo que herdarán os meus fillos. Acabo de saber que un galardón galego quixo prestixiar o seu nome de Casa dos Poetas honrando ao meu amigo e mestre Tovar. Estou ledo, chouto en romaría e recollo os seus versos nesta tarde de marzo no mar das Illas. Tucha ábreme a alacena e os armarios para o meu servicio de singladuras, de fames e de roupas contra o fuel e a guerra. Aloumiño a cadeliña do rabo acendido e sento fronte a un dos Poetas do meu mundo: ten Aa nobre testa erguida e aquela voz daquela vez primeira do encontro en Bonaval, coma se o tempo non pasara a Ponte Vella de Ourense, nunca. ( Querémoste, Antón Tovar Bobillo !