Centro de Documentación da AELG
Gardádeme un sitio
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A Nosa Terra

     De moitos anos nos coñecemos, el xa poeta, eu aprendiz de versos, acheite das palabras, principiante sabedor de autores e de modas, de academias. En Cangas foi a primeira vez que o vin chegar: baixaba el listo coma a auga pola Rúa Valentín Losada,  viña da tenda de ferragachos, de aparellos que un debe ter consigo sempre nas casa; levaba a luz nos ollos, a testa espida e o sangue alegre dos andares. Non camiña Pepe Poeta, voa, vai lixeiro, ave, arao, laberca... Démonos a man coma unha entrega de trato firme. E naceu o amigo, para sempre. Despois dixémonos os versos como se din os enderezos da alma, toda a alma en nosoutros dous, con esa furia dos recitadores sen máis público có silencio e as complicidades. Seguimos nesas: só uns minutos cada dous, sete, quince, vinte días; algunha vez é na urxencia do teléfono, outras no directo, a recibir o pálpito da voz, o tacto das palabras, que saben a mornura de mar ou ardentía. Abonda.
Estoutro día, xa van alá máis de dez anos, convocámonos para facer Teatro na Casa da Bola. Foi el quen andou na brega das convocatorias das actrices, dos actores, dos amigos que soñaban / soñan cos personaxes, coas luces e coas sombras, con levaren consigo, alomenos por unhas horas, ese outro / outra que se chama distinto, pero que vai no dentro de cadaquén coma unha lapa está nas pedras do mar ata que a función remata e céntrase de volta a vida do común, coma calquera. Pepe Actor.
 
     E foi un tanto máis aló na memoria ata que souben do seu orgullo deportivo, creando e defendendo logo a portería do Pentalfa. Quero velo saír ao encontro dos dianteiros veloces para atallar o pase, o remate do éxito; choutando co puño eses dez centímetros por enriba das cabezas que procuran o córner; lendo a biqueira de quen tira o penalti; voando coma o arao para que o gol da derrota nunca sexa en culpa súa. E aínda Nadador a diario nos  veráns e nos invernos, aquí en Rodeira, con Boni, con Cañón ( Bermúdez, Ao arroás de CangasA ): tres alegres tigres da natación e o fútbol. Fica el só, os dous amigos de recaladas están na outra banda da Illa dos Ratos, no stand by do mar azul, cos peixes de colores, soñando a espera: que sexa moita, Pepe.

     Pois velaí o Amigo que amo nas xeografías da vida, na concordia dos  humildes, que non apagan o sorriso, na Fonte alegre do Galo, no Señal, en Síngulis, no Forte, na Costa de Soavela, no Facho de Donón, en Balea, Liboreiro, Hermelo ( aquí as tres Rías bebendo os nosos ollos ), na Fraga de Coiro....Quérote comigo, Pepe. Ti es ben merecente da nosa admiración e deste cabo de mar que habitas coma un colo e tanto gardas na patela, descantá .