Acabo de ler un informe dramático dunha investigación sobre a caída do café no grande mantel do señorío capitalista mundial, que xa arrouta coas máximas complacencias ao redor da mesa onde os convivios eran outra cousa. Mudaron os tempos e as gadoupas dos ricachos arrebatan a esperanza dos países productores, en América, África, Asia. Din no seu informe os de Intermón-Oxfam, que as empresas da usura - Sara Lee, Kraft, Procter&Gamble e Nestlé - só pagan aos productores 25 céntimos polo que eles venden en Occidente a 3, 70 euros. Nada novo, aínda que esta diferencia nos anuncie que máisde cen millóns de persoas aniñan na pobreza e soñan xa na sementeira da coca para as súas terras. Velaí o camiño que conduz ao abismo. ) E os respectivos governos que ? Pois nada: ailelelo ailalalo. Este cronista,que non é cafeteiro de diario, lembra a infancia e aínda a adolescencia cando os vellos Cafés das vilas e cidades eran arrecendo ao grao tostado e moído naquelas maquinolas de mau, feitos na pota ou no pucheiro, sen deixar que ferva. E as primeiras máquinas que eran do altor soberbio enriba dos mármores, mentindo a prata nun recanto da barra. Eran os Cafés de Benito, de Ricardo, do Antucho, en Agolada; o Avenida e o Capitol en Melide; e en Lalín, na Estrada, en Lugo, Compostela, A Coruña, Ourense, Pontevedra. Cafés, a metonimia para as citas da palabra e o xogo, para investir no tempo de lecer un bocadinho de amizade e luz humana: tertulia, leria, palique. E as mesiñas aquelas, coloreados o mármore de tanto oficio de maus e líquido derramado. Hoxe son edificios, algúns ainda de nobre arquitectura, si, pero Bancarios: a usura do capital ( metonimón) que nos desarma e mata a rebeldía dos soños máis felices, envilece as consciencias dos farrucos, diferencia, esmaga. Velaí en que deu aquela publicidade que precedía sempre á seria de Bonanza, na TVE de branco e negro, cando a Ponderosa era case a nosa Casa de aluguer diante do televisor do Café da Aurora, xuntos, amoreados, caladiños, a ver a Jonh comandando a récua desde Dallas. E despois J.F. Kennedy. Que tamén o botaron, en novembro, si. E América choraba, diante do noso café con leite, na da Aurora de Agolada. Perú, Colombia, Bolivia...sementan, labran, escollen. A Vamus chicus, al tuuustaderuuu, chiquichún, chiquichún, chiquichún A Por case nada vivir.