Con présa: o tempo que me vence para que a Acolumna@ chegue ao destino e Alighe@ ben o cemento do Oural e abrace o ferro do Formigueiros, enmallado na páxina que me corresponde cada pouco de mes. Escribo amolecido polo outono feliz que tanto chove nas últimas horas. Remata a seca, medran os encoros, o vento morde nas tarabelas dos parques eólicos que xa visten na paisaxe vendida ) a quen ?. Non sei dicir senón as horas, coma o vello reloxo do meu pai, grata compaña. Chámanme os da Asociación Cultural AA Cepa@, en Cangas, para que asista á tarde inaugular das súas VI Xornadas de Lingua Galega. Vou axiña. Quero saber dos amigos da casa e de lonxe, dar con eles, facer contas de presente e de futuro, erguermos esa voz de case sempre que acompaña ao caroliño. Ás vinte h. é a citación coa palabra de Xosé Ramón Freixeiro Mato, da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, sobre : A A situación do galego entre o alumnado do ensino medio A ( Análise de resultados do Proxecto Galbreus-Galiza ). Dígovos que vou á Casa da Cultura coma quen vai levado pola esperanza da saúde, cos ollos atentos á mirada do galeno. Nesta xuventude que armamos de afecto ou de indiferencias nos IES das catro augas de Galiza, está a compostura do orgullo por outras mil primaveras. Quero escoitar que pasa polo corpiño, dentro. Fóra xa sei que as témporas abaten os ouros dos carballos, pero son ouros, de volta mañá abrochos verdes, froita... permanencia. Iso é. ) Será tamén así coa nosa Língua ? Hei saber que din os estudiosos; que se anuncia de luz ou de sombra nos dados; que lle cómpre a esa anémica Lei de Normalización Lingüística para ser en verdade Lei e non anuncio e máis consello, chepa que moitos avancan con desprecio, coma un xogo de risa; que se fai arestora en Europa coas linguas minoritarias, caso das Feroes, Gales, mesmo Catalunya, Euskadi. Canta culpa hai no profesorado, canta na familia, canta nunha sociedade que se nega a si mesma, que nin respecta e acolle o patrimonio máis sobranceiro coma un herdo de amor histórico, nunca a deserción intelixente en tantos anos, nunca. Que dirán os números e as palabras de Freixeiro. Vou axiña aló.