Nin o Santo Padre, certificando os merecemento do Alto Paraíso para Escrivá de Balaguer, foi quen de superar o share lengoreta dos últimos sucedidos coa violencia no fútbol capitalista da Liga española. Ao Opus Dei caeulle mal día para levitar na audiencia do día despois. Abondou que uns adolescentes, hormonados desde a máis tenra infancia con potiños e xaropes da botica rei, quixeran o protagonismo coa bulla das moquetadas a un garda xurado e o asalto ás costas do porteiro bético Prats, para que todo o aparello mediático refugara de dar máis Roma Vaticana cós titulares do pacto e bendición. Os paganos dos estadios e das cámaras aínda falan arestora do Sevilla-Betis por mor dos mecos de Abledine@, adolescentes xa, que nin saben cal é a verdadeira face dos seus presidentes nin a dos comendadores do vulto directivo das equipas profesionais. Este refugallo espectacular que magnifica os cretinos e crea opinións de desaprobación é a criatura, filla lexítima das mensaxes que se están a dar nos espacios e nos medios que tanto poden. Embazan as consciencias, magnifican a merda. Unha televisión, acaso todas, que vende A calvos A, que paga a violentos, que convoca e ri coas palabras do noxo e dos aldraxes, que negocia coas persoas, que fai xoguetes co lixo, que nos invade no tempo útil do lecer ( ou isto ou nada, da miseria global ) Uns xornais que comen e escreben no pesebre deste capitalismo incesante do fútbol ( tamén aquí na Galiza, Horacio e Lendoiro son persoeiros de interés social, ilusionadores da canteira, xente positiva, nunca tratantes, nunca, que bah ). E hai quen cre, quen aínda ten boa fe, e paga, e asiste, e vai e cabréase cos árbitros, cos veciños seareiros, cos irmaus. Tira dos nervios a flor da chulería e veña moquetazos, hostias, gritos salvaxes, A calvos@ ao aire, chimpos, carreiras, lume de biqueira 2002. Para saír na tele, nos papeis, entrar nas casas, nas tabernas, nos furanchos, nos liceos. (( Fun eu, fun eu !! Para que logo veña outro Sardá e os leve a estudio. Ou un presidente cale e otorgue unha mención ( Para machiños nós ! ( Viva o ceregumil ! (( Vivá !!.