Até a miña aldea de Quian chegan os ecos dunha homenaxe en Lalín: o nome da Garda Civil para unha rúa da capital comarcal que tantos soñan. A vila tiña, non sei se xa non ten, rúas que nominaban A, B..., alfabetas ou do vello Catón escolar dos tempos idos. Pois velaí que este medo a pór os nomes de recoñecemento para os espacios das nosas paseatas urbanitas sobre as laxes e o asfalto está desaparecendo. ) Para ben, para mal ?. A que nace arestora en Lalín leva o nome dun colectivo ( outras da contorna chámanse do Iryda ). A Banda de Música da Dirección Xeral desta institución veu dende Madrid para honrar este día e esta hora. No espacio de acarón da igrexa houbo un concerto que convocou, en terra de antigas e anovadas Bandas Populares Galegas, a moitísima xente do rural e das vilas do Deza e do Arnego ( os dous son ríos nutricios da bisbarra, non só un ). Na Praza, de volta ao silencio e ás ausencias dos pentagramas, fica outra vez a fermosura desa peza que as maus do escultor Xosé María Acuña traballaron para os labregos de aquí: un galano do artista xordomudo, profundo interior. E o cronista romántico que eu son ceiba, tamén por el, un aturuxo na noite do monte das Sobreiras de Carmoega, a miña parroquia, para que as boas xentes de Galiza o escoiten e queiran honrar a eito a memoria dunhas mulleres e homes ben merecentes de placas e granitos, Bandas de música, romarías, fogos de palenque e de retreta, cubos e Rodas luminosas que rachen o máis escuro dos silencios contra ese Corpo e Alma dos Mestres/as que alfabetizaban entón de xeito gratuito ou de a ferrado, as nosas tribos. Quero saber xa cantas cidades, cantas vilas e parroquias recollen no colo de pedra dunha laxe ou parafita os nomes destes obradores da Luz e da Cultura, dos militantes na pobreza e liberdade do diario, que agrandaban os ollos e a ledicia por saber ler, escribir, falar, contar, soñar aléns de orgullo e condición para si mesmos e para a Terra de nación. ) Cantas e cales vilas hai hoxe agradecidas ? Rúa das Mestras/es. Na aldea de Gurgueiro ( Agolada ) monte aberto, gándara, prehistoria por datar e descubrir, lembran para o mundo, na praciña que roucean as vacas e os tractores, o nome santo da Casilda: mulleriña boa que lustraba os soños e os ollos dos veciños que os querían sempre abrir. Así foi e así é. Contéivolo. Agora dicide vós.