Quen cabalga arestora polos teletipos das axencias deportivas recollendo un grolo dos Alpes, outro dos Pirineos, outro dos Campos Eliseos ( e outro das valigotas de Galiza ) atende aos seareiros do ciclismo internacional polo nome de Lance Armstrong. En Cangas sabémolo na memoria desde aquel trece de agosto do 1992, cando un mozo de vinte anos entraba vencedor na meta da Alameda Vella da vila do Morrazo. A ) Quen dis que é ?A E a megafonía da Volta Ciclista a Galicia esforzábase en repetir, Arms-trong ( ecos de astronauta, ecos de medicamento, ecos de aló do mar ). Tiñamos daquela os galegos que amamos o deporte moitas ilusións e moita forza de ánimo postas na valía dos fillos desta terra de soños. Tamén no ciclismo, e tanto. Non cabe repetir os nomes dos que se achegaron ao noso orgullo como escaladores, velocistas, rodadores, gregarios ( eses heroes caladiños que se han de convencer a si mesmos, entón coma hoxe, de que aos nacidos no desamparo das federacións figureiras, só lles queda o traballo suxo dentro do pelotón ) Eran alomenos media ducia de excelentes corredores, capaces e merecentes da coroa de loureiro, do primeiro podium. Álvaro Pino, desmandado dos seus xefes e convencido da propria revolta, mudou con esa segunda liña dos resignados e alzou o seu cabalo de titanio onde lle corresponde aos xustos, tamén aos humildes: foi campión da volta ciclista a España. Para os outros cinco só houbo victorias de etapa, labor de equipa, submisión. E nós caladiños, interiorizando aquelo de que o destino dos pobres é o servizo, e se é tanto anónimo, máis e mellor. Velaí. Arestora Marcos Serrano segue nesta maldición. O cronista alégrase por Armstrong, a quen ollou sorrir cara aos plátanos de Cangas, recibir un bico e un ramallo de non sei qué agochado en celofán: seica eran flores que aboiaron na Ría, o día despois. Pasaron case dez anos. O deporte galego ( que segue cos figureiros nas covas das federacións ) vén de acadar medallas de ouro no V campionato de Europa de piragüismo. Non son pescozos nin peitos broslados polo márquetin os que locen os metais olímpicos. Son fillas do mar. Chegaron nestes días desde Szeged, en Hungría, caladiñas e fermosas, co sorriso do esforzo por vencer a forza das augas e as moitas competidoras malia aquela nosa vella condición. Atenden polos nomes de Teresa Portela e Sonia Molanes: piragüistas, labra xenial do noso novo pulo e tempo, que xa estamos a enxergar.