Existe un lugar senlleiro no mundo que garda e ama as súas voces e que A ven do Medievu templariu, repoblau en a Recunquista por galeguastur-leonesis. Escutei y falei mañegu y vos reencarneis en esa Edai do Humanismu,cultura y progresu A. Ardía eu en saber onde está ese colo de nai e fillos agradecidos co patrimonio da Fala ( mañegu, chapurrau e lagarteiru ). Vou de tempo pola Serra de Gata, ao noroeste da provincia de Cáceres, coa paisaxe diferente aos amarelos que mancan a vista. O Xálima, esa curota que reborda os 1490 m. de altura domina un val de ouro en vides e oliveiras, en Voces que recoñezo axiña. En ningures como aquí escoitei o orgullo nutricio dunha compostura histórica que traspasa os séculos, acaso desde a ourivería das Cantigas. Somos cómplices neste uso das palabras, nesta forza de herdanza: en San Martín de Trevellu, en Valverdi do Fresnu e As Ellas. Un berce de amor á vida. Reciben no ventre das nais os ecos da Fala e cando saen á luz da Serra choutan, aprenden, soñan e cantan nesa marabilla de costume que os fai diferentes, aínda con matices entre os tres lugares, que equidistan. Están na escasa distancia dunha lebre, caben nun queipo de terra boa, son tres recantos máxicos de aló, epicentros dunha historia que os foi arredando, nin arre nin xo, que aí te quedas. E ficaron vivos. Hoxe, arestora, son o paradigma das resistencias e das victorias contra todos os designios. Eu quero que todos nós vaiamos, como veu repetidamente o filólogo da udv Xosé Henrique Costas, a Valverdi do Fresnu, As Ellas e San Martín de Trevellu para escoitarmos as Palabras que son de aquí e de aló, coma levadas por unha merla nosa na pasaxe e deitadas na fertilidade da terra: talmentes agroman, medran, dan froito as árbores en sitios distantes de camiños. Dicir galego no Val do Xálima é dicir amigo meu, casa e confianza, pan, aceite e viño. Só lles falta a música da gaita, o ventre do fol, o vento en asubío atlántico. Prometinlles o regreso cos gaiteiros do Bico da Balouta, cos do Castro de Toques...E a Banda de Muimenta, antiga e popular, que recrea as nosas pezas de ánimo sobrado ou falto. Todos tres coma unha marusía en terra, a percorrermos as ruelas, que en San Martín levan a auga da montaña, aberta e gratuita. Sería a nosa gratitude con este corazón, con este músculo incesante de amor a todas as esencias.( Ah, e se don Paco Vázquez de A Coruña quixer tamén vir connosco, que veña ! Por se un miragre se fai. ¡Non ho!