Centro de Documentación da AELG
Solsticio de verán
Vázquez Pintor, Xosé
Autores/as relacionados/as:
Fonte: A Nosa Terra

     Cando escribo estas crónicas para ANT sempre é luns, na solporecida. Arrendo e arrisco así dous días de adianto para o xogo coas profecías deste mundo mediático que arestora nos com- forma de xeito tan im-preciso. É un brinquedo no que me estou afacendo cada quince días. Os resultados de pleno son máis ben cativos pero a aventura é gratificante.

     Os ecos que me achegan nesta hora vinte do dezasete son de bombo rachado, pelica vella que cedeu ao mazo que anunciaba as festas e os rebumbios. Na distancia dos océanos, Irlanda, tanto acó de nós outros, afrouxou aos rezos dos santeiros de Camacho; e a futbolería ausente en Corea gurgulla os saramagos, ese sabor amargue que houbo que tragar para que os señoritos do gol en España sigan na trangallada que arestora rendabiliza A3TV e Dixital. Acaso os bravichos xogadores coreanos sexen eles quen de nos ir colocando a pé de obra, e nunca Italia. Hase saber.Na outra banda das certezas globalizadoras, Sevilla está pechada ao tráfico dos soños e das liberdades: casco vello da urbe, río e pontes, pedras góticas, barrios e culturas inmigrantes que alí hai, sumidoiros e rexistros, azaleas e balcóns, alcázares...Ausente a vida do diario, as voces, as manis, o cabreo e o canto. Europa cumio e silencio á forza: ( Azn-ar !

     Tamén, cando estas palabras sexan públicas, saberemos xa os resultados da tirapuxa do A Caballerito A ( apelativo afortunado que lle adicou Fidel Castro ao presidente español ) coas forzas sociais, eufemismo chafalleiro, na data deste 20 X: Folga Xeral. Haberá, tanto e máis ca reconto e porcentaxes, iras e furias, apaños e castigos, listas de espera, xestos, reollos, a voz do paspallás. As cadeas públicas e privadas da radio-tv han ceibar outra volta a nube dos lerchos vendedores do impagábel benestar e cadraremos xa por outra miaxiña de vida hospitalaria con-des-in-formados, in-cumpridos, segundo as luces e as gorxas, as fames e os bandullos de cadaquén. Xa foi.