( Bota un remexido, Longueira ! Dille coa voz da forza o mariñeiro de Cangas ao dono da baiúca aló no barrio do Forte, onde houbo sempre palabras nos secadoiros, e redes, e cancións. Un remexido de arestora. Ben sabe o home do mar en terra que o panorama anda máis ca escuro. Aquí na mañá e así na tarde e na solporecida. O mar xa non é noso. ( Nunca rendición ! Por iso mariñeiro en terra se pronuncia e viven as súas palabras contra os muros e sobre as laxes que levan os seus pasos cara ao areeiro, onde o corvo pousa e dá solagos, avisa en prevención. UE, Galiza. ) Quen foi antes, Fischler ou Fragha, quen, quen ? Se o alemán é bárbaro e obedece os designios que lle dicta a Unión: esmagadores para a nosa flota, inxustos e provocativos; o Presidente galego desoe o apupo da súa querida Europa e sae chistoso pola banda do Cantábrico de Asturias en reclamo dunha central nuclear para este noso/seu país, que non está para risas nin prosmeiradas, don Manuel. Nin antes nin despois dos xantares; deberían sabelo, xa. Os chistes pódennos arder nas maus. Porque eu creo que vostede quixo contar un chiste. E fíxese no mundo que gastamos hoxe: non anda ninguén nas alturas da política con chistes nin risalladas. Sonlle caralludos por demais, e onde saben dun arroutador que se ofrece, van aló e pápano. Por iso é que ata pode que veñan por aquí os señores amos dos neutróns, ben para falar ou ben para chantar as pavorosas cheminés, ou os cimiterios do lixo atómico, ou... Non nos gaste máis esas brincadeiras, don Manuel, que poden pensar que vostede sempre vai en serio. Olle e escoite xa desde San Caetano as reverencias que lle fan os alcaldes de Beariz, Barro, Muxía, Santa Comba, Cea, Antas de Ulla, Friol, Verín, Ames, Forcarei...) Que son micocadas dos tales supositorios ? Non, meu señor, élle certo, que o cren, que lle teñen fe. Ou non saben rir. Pois se cadra non, señor. O certo é que se apuntan para seren bos pais/nais de acollida nunha perigosa experimentación. ) E Xove non ? Menos mal, que algo queda da memoria feliz. ) E Fisterra, Mondoñedo, A Gudiña ? Tampouco. En Pontevedra, uns loucos, sacaron estes días á luz un manifesto para celebraren o domingo, nove, de mañá cedo, o A Día do Meio Ambiente A, nunha Marcha contra Celulosas, do que recollo ao chou as seguintes palabras : (....) AEn tempos houbo unha ría prateada e brillante no que as luminiscencias contrastaban os fondos areosos, as algas, os cons e a ardora nunha mestura de mil matices diversos. Unha ría onde sabiamos que o polbo e outros monstros voraces convivían harmonicamente con seres de baixura. E nós asomabámonos aos balcóns para contemplar ao perto Tambo, picuda, e ao lonxe as dúas Ons, graníticas, niños de corvos mariños e de piratas de lenda, formando todas as tres coma unha constelación no firmamento afouto do océano A. E dan cabo os asinantes, coma nun canto coral, do que vostede terá feliz noticia, se é que decide ou non pode asistir á camiñada : A Reclamamos o noso mar despensa, o noso mar autoestrada, o noso mar praia, o noso mar poesía. Reclamamos a vida A. Xa ve. Galiza non é un chiste. Dígallo aos alcaldes, a todos, por se outra vez.